A gaita vístese de domingo para Rosalía

A gaita vístese de domingo para Rosalía
os revirados de oza elexiron o monte de san pedro para tocar “antiga de ourense” pedro puig

Como por arte de maxia, a chuvia daba paso a un falso anticiclón de minutos e deixaba que a única protagonista fora ela. A gaita. Que foi capaz de rachar o silencio que adoitan a ter os domingos para regalar alboradas en centos de puntos de toda Galicia e parte do estranxeiro. Porque o seu ronco son escoitouse en París, Cork, Madrid e até na illa pitiusa de Ibiza.

En A Coruña, a rúa da Gaiteira era onte máis gaiteira ca nunca e antes do aperitivo do mediodía regalaba a primeira das pezas adicadas a Rosalía polos 150 anos do libro “Cantares Gallegos”. Sobre a pasarela peatonal, voltaba o paxariño da escritora a voar e o millo a medrar da man da asociación de veciños Oza Gaiteira Os Castros e o grupo de gaitas Xebre.

A melodía homenaxe executábase ante a presenza de curiosos que arrimaban a orella preto das gaitas para escoitar de novo as mensaxes subliminais de Rosalía e atender a unha lectura de poemas posterior. Media hora máis tarde, Dúbi Baamonde afinaba o instrumento ao mesmo que un veciño paseaba o seu cadelo e un vello con boina e caxato colábase entre a marabunta para ver que pasaba.

Rosalía entraba ás once e media polo medio dunha desas fontes ás que tamén chorou en poemas. E ía directo aos que movían os pés levando o ritmo que marcaba unha gaita si pero tamén un acordeón, un tambor, un bombo, un saxo soprano e unha voz. A de Cristina Regueiro, que tiña que coller moito impulso porque a composición apenas ten respiración. Vai todo de seguido e a moza intérprete apuraba os altos o máis que podía. Nunha praza que botaba a aplaudir ao final. E marchaba paseniño cara a casa que un día ocupou o matrimonio Murguía na rúa de Príncipe. Moi preto de alí.

Así foi como a agrupación deixaba no marco da porta que algún día empurrou a autora un ramo de flores onde non podían faltar as rosas. Xunto a outras especies silvestres e moito verde. Atado todo cun lazo coas cores de Galicia.

O gaiteiro Dúmi Baamonde contaba en medio do tributo que era un luxo tocar nunha “paraxe incomparable” e enriba das pedras máis antigas da cidade, sobre todo, agora que “non se está atendendo moito á cultura”. Dicía o intérprete que era bo lembrar á xente coma ela, que tivo tamén que loitar en tempos difíciles como un exemplo de superación. E de que as cousas poden ter acubillo no país se un quere. No seu caso, Baamonde optaba por acompañar a alborada da letra que Rosalía lle puxo. Quizais para verter no ar ese sentimento de esperanza que anunciaba. E coa aurora, as gaitas puxéronse en fila para agradecerlle o xesto que ela tivo para con elas. Nunha cidade que tamén foi alborada no monte de San Pedro. Alí, Os Revirados de Oza escollían a peza “Antiga de Ourense” por iso de que a tiñan ben matizada e polo bonito da melodía.

Os catro músicos non dubidaron en aliarse co vexetal para facer desfrutar aos paseantes da composición. E con vistas á Torre de Hércules, a gaita tocoulle a Rosalía. Fíxoo tamén no roteiro da igrexa de Montrove e dous días antes colouse no instituto da Sardiñeira. Dentro dunha iniciativa que partiu da Asociación de Gaiteiros Galegos, a Fundación Rosalía, a Real Academia Galega e a Universidade de Vigo.

A idea é construír agora un croquis audiovisual con todas as actuacións despois que desde a Fundación Rosalía animasen aos participantes a gravalo en cámara de vídeo ou no móbil. Nunha forma de constatar que o instrumento lle estará sempre agradecido á quen nunca se cansou de nomealo en poemas. E que levou o seu son cando tivo que coller a maleta e marchar lonxe.

A gaita vístese de domingo para Rosalía

Te puede interesar