Sondeseu actuará por primeira vez na cidade para presentar o disco “Barlovento”

El Ideal Gallego-2011-05-26-013-2881e31am.g.m. > a coruña
 Sondeseu pisará por primeira vez mañá o Teatro Rosalía, ás nove da noite, para presentar o seu terceiro disco “Barlovento”, co que claususarán o ciclo “Son do Rosalía”, que achegou ao público coruñés propostas locais e de fóra de distintos estilos, co fin de atender á señora diversidade.
O apartado remata con folk percibido desde unha perspectiva diferente e a través dun proxecto, que ademais de musical, ten a súa base na educación. Trátase da primeira orquestra folk en Europa de carácter estable cunha receita que se centra na música tradicional galega, arranxada para que soe ben nunha ampla variedade de instrumentos que van desde as zanfonas, arpas, gaitas e violíns ata os bouzoquis, contrabaixo, percusións e requintas.
O timbre que acadan entre todos xunto á enerxía que desprenden levou desde 2004 á formación a participar en numerosos festivais.
Na súa traxectoria destaca o seu paso polo CeltFest de Cork, en 2005 e 2006, o festival Etnohelmántica, o FolkSegovia e o Intercéltico de Lorient, na Bretaña francesa. Na actualidade, Sondeseu lidera a ENFO (siglas en inglés da Rede Europea de Orquestras Folk), de cara á constitución no vello continente de novas formacións que atendan o gusto dos europeos pola música folk, propostas que vinculen o campo educativo e o ámbito profesional.
O seu director, Rodrigo Romaní, sinalaba que o proxecto non era rentable economicamente pero que o obxectivo deste conxunto non estaba nos cartos. A idea é pensar en competir en Europa poñendo como prioridade a educación. Neste caso, Sondeseu parte dun servizo público para facer desfrutar ao público dun produto que non está acostumado a escoitar. Nesta ocasión, a formación presentará os novos temas de “Barlovento”, onde a música está presente a través de ruidos propios da terra como o son do vento cando pasa raso polas velas das embarcacións de madeira, nunha volta á vida da rica cultura mariñeira das xeracións pasadas. Os músicos recollen a tradición para pasala polo filtro do presente e mirando sempre ao futuro.
Romaní destacaba a actuación de mañá por ser o Rosalía un espazo emblemático e levar aos coruñeses unha experiencia pioneira que pechará o ciclo de música. O músico lembraba que Sondeseu non tería futuro se non fose polo Concello de Vigo, que respalda a idea e fai que o folk teña formato de orquestra.
A concelleira de Cultura, María Xosé Bravo, destacaba que para a última actuación, o departamento quixo escoller a Sondeseu despois de varios intentos fallidos que imposibilitaron a súa posta en escena en A Coruña. As entradas teñen un prezo de sete e dez euros.
Por outra parte, a responsable cultural incidía na continuidade de “Son do Rosalía” como unha forma de englobar e “pór en pé de igualdade a músicas moi diferentes” que fixo que cada cita fora dirixida a un público distinto e entre todas saciaran a sede de moitos espectadores desatendidos.
Ademais de Romaní, están ao fronte de Sondeseu Anxo Pintos, a cargo da sección de zanfonas; Xosé Liz, con requinta e bouzoqui; Alfonso Franco, cos violíns; Xaquín Xesteira, coas gaitas e percusións, e Francisco Javier Feijóo “Chisco”, no canto.

Sondeseu actuará por primeira vez na cidade para presentar o disco “Barlovento”

Te puede interesar