A RAG programará música, teatro e literatura polos 100 anos de Irmandades

12 julio 2015 A Coruña- Fotografía del presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero
|

A falta de mes e medio para a entrada de 2016 e o conseguinte centenario das Irmandades da Fala, o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, afirma que están a elaborar unha programación desde hai meses “á altura da importancia” deste movemento, que irrompeu na cidade porque aquí vivía Antón Vilar Ponte. 
Ademais de esbozar unha lista de actos en recordo daquel fenómeno, o responsable sinala que se reuniron coas distintas institucións que se sumarán ao tributo para non coincidir na natureza das actividades a realizar e buscaren entre todos colaboracións como a do Concello da Coruña. Precisamente, Alonso Montero recibía hai cinco días ao concelleiro de Cultura, José Manuel Sande, para afondar sobre a celebración onde A Coruña será epicentro. 
O presidente non concretou o que se organizará na cidade: “Haberá actividades literarias e musicais, teatrais e a edición de determinados textos”, pero destacou que para facelas contará coa aprobación de María Pita para a cesión de espazos como os teatros de titularidade municipal. Por parte da academia, “como temos moito material iconográfico e musical”, tratarán de poñer o acento na lingua igual que o fixeron as Irmandades que para o escritor, supuxeron a primeira vez na historia de Galicia que se fixo fincapé no idioma. Aínda que o día en concreto no que a institución colleu forma, o 18 de maio, centrará parte das iniciativas culturais que se fagan en torno a Irmandades, o dirixente da RAG non desvela nada do que están pensando para celebrar a efeméride.  
Fronte ao feito polos que se chamaban entre eles “irmáns”, Alonso Montero explica que actualmente deben ser os partidos políticos e tamén as persoas as que “defendan o galego” porque “eu coñezo familias con nenos que o empregan e eses nenos chegan á escola ou ao xardín e se atopan con nenos que non o falan e non saben como responder a esa situación”. 
O presidente valora a actitude do Concello de ser partícipe no aniversario, algo que xa confirmaron cando os actuais gobernantes eran candidatos e visitaron a sede en campaña.

A RAG programará música, teatro e literatura polos 100 anos de Irmandades