Máis dun terzo dos coruñeses xa son socios da rede de Bibliotecas Municipais

Máis dun terzo dos coruñeses xa son socios da rede de Bibliotecas Municipais

Fóra dos valores negativos que pululan polas bolsas, das cifras cada vez máis adversas acerca das listas do paro, as Bibliotecas Municipais engaden un 95.000 a este mundo no que priman os números. Son os socios actuais duns centros que aumentan en afiliados de forma progresiva e que tiveron a boa nova dun recente irmán hai menos de dous meses, o Ágora. A súa biblioteca fixo preto de mil carnés en todo este tempo.

Esto significa que a comunidade lectora representa o 35% da cidadanía. Unha estatística que encabeza, sen dúbida, o cartel do que será a celebración do Día do Libro que comeza hoxe mesmo en Méndez Núñez coa apertura da Festa do Libro a cargo da Agrupación de Libreros de A Coruña en colaboración co Concello. As actividades proseguirán durante a fin de semana nas distintas bibliotecas e nos xardíns, onde se oficiarán firmas de exemplares, actuacións e debates entre escritores.

O centro Ágora fixo socios a preto de mil persoas en menos de dous meses de funcionamento

A concelleira de Cultura, Ana Fernández, falaba onte de que son entre 800 e 900 as visitas que reciben nos edificios municipais con libros, o que se traduce en case un millón delas ao longo do ano. En canto a este comportamento positivo da sociedade coruñesa, o apartado “Poetas di(n)versos” dá boa conta cun alto nivel de participación, preto de 200 butacas ocupadas ate o de agora, que fai que o programa continúe o vindeiro luns cun man a man entre a vida e a morte, isto é, o ciclo acollerá ao actor, dramaturgo e poeta Lino Braxe en representación dos latexos e a paixón da que respiran os seus versos e á eslovena Veronika Dintinjana, que tontea coa morte na súa poesía. Será ás oito e media no centro Ágora. Segundo a coordinadora, Yolanda Castaño, o feito de que a escritora compaxine a pluma co seu oficio de cirurxiá fai que asimile na escrita a súa proximidade ao final do ciclo vital. Cando as máquinas anuncian o deceso cun pitido continuo. Insoportable.

Deste xeito, Poetas Di(n)versos sae a respirar lonxe dos Pirineos para atoparse o 21 de maio con Cesáreo Sánchez Iglesias e o estadounidense Mark Strand. O que foi premio Esquío no 2000 por “O retorno de Ulises” fará parella cun premio Pulitzer de Poesía que bota man do surrealismo que palpou en Magritte ou Ernst. E rezuma nostalxia.

A nova entrega rematará o 11 de xuño con Francisco X. Fernández Naval e o autor indio Sudeep Sen, unha das voces máis aclamadas da nova xeración de escritores deste país, segundo Castaño, que escribe en lingua inglesa. Será a primeira vez que pisará Galicia despois de ser escritor en residencia na Biblioteca da Poesía de Edimburgo. Os dous deixarán a súa pegada nunha iniciativa da Concellería de Cultura que confirma que “si existe público para a poesía cando se lle oferta unha proposta de calidade”, dicía a organizadora do evento.

Por outra parte, os centros bibliotecarios estarán presentes na Festa do Libro nunha caseta onde darán consellos sobre libros a atenderán dos males de quenes non acostuman a devorar páxinas. A súa presenza daralle visibilidade a un ente que irá tamén ata as estacións de buses e de ferrocarril para distribuír volumes de balde e formar así unha gran cadea humana de lectores.

A participación dos cidadáns pasará por ser unha marea amarela en Los Rosales, onde os adeptos ao centro recollerán nunha frase o que significa para eles todas esas salas repletas de libros e por mostra bibliográfica no Fórum, no que se amosarán títulos que foron capaces de marcar épocas pola súa repercusión ou pola calidade dos seus textos.

 

Máis dun terzo dos coruñeses xa son socios da rede de Bibliotecas Municipais

Te puede interesar