Produccións Excéntricas fará uso da parodia e o xesto en “Pataca minuta”

El Ideal Gallego-2011-07-05-013-f647b0a4

  marta garcía márquez > a coruña

  O que vai a contemplar o espectador ten que ver co xeito de facer humor de Les Luthiers ou Tricicle pero tamén coa paradia falada que colle retazos de aquí e de acolá e presume de crítica con toque positivo. Produccións Excéntricas acampa este venres no Teatro Rosalía co espectáculo “Pataca minuta”, que fai uso da música, dos ritmos do cabaré para premer sen máis o botón de “mute” e dar protagonismo ao xesto e a comunicación sen palabras.
Os actores Federico Pérez, Evaristo Calvo e Marcos Correa serán os encargados de construír a montaxe para levar á butaca pola xenialidade de Yasmina Reza na peza teatral “Obra” e parodiar parte do argumento que representaron no seu día intérpretes da talla de Ricardo Darín e Carlos Hipólito.
Conta Evaristo Calvo que a historia trata da amizade a través de tres amigos que poñen sobre o tapete os verdadeiros valores a partir da compra dun cadro que, en realidade, é un lenzo en branco.
Explica que un deles actúa dentro do escepticismo. Non se molla porque non entende que un trozo de tea sen pintar pode ser arte mentres que un segundo pon a caldo ao seu amigo por mercar tal cousa e acúsao de ser vítima dunha estafa.
Neste caso, a adquisición de arte será unha pataca que pasará por escultura e pola que o comprador pagará nada menos que 30.000 euros. Isto dará nun diálogo interesante que, ao contrario de terminar con mensaxe positiva, concluirá con que é moi difícil que as persoas de distinto rango económico acaben sendo amigas.
Pero a compañía tampouco quere bogar a contracorrente e déixase contaxiar polo ambiente do verán para rematar o espectáculo cunha “canción bonita de amor”, que ben podería ser número un nestes meses de calor.
Ademais, os tres actores subirán á palestra a un personaxe que pulula por internet, Emilio Duró, e que acadou sona pola repercusión dos seus vídeos en internet para converterse nun coacher destacado a nivel internacional que viaxa constantemente por América e Europa para expoñer os seus pensamentos. Calvo concreta que foi a raíz dunhas conferencias que ofreceu en Galicia e que se colgaron na rede cando se deu a coñecer. Un Emilio Duró versionado dará aos presentes a receita que di que ser feliz é básico se o que se pretende é ser produtivo.
A compañía aplicará esta teoría para advertir ao público que non se queixe se non lle gusta o que están a ver porque hai cousas peores. Así é como a montaxe composta de sketchs alternados con música derivará na comunicación xestual tipo Tricicle co número “Tres en praia” que se dispensará coa capacidade que ten o corpo de expresar e os ritmos de Piti Sanz e Anxo Graña.

Personaxes > “Pataca minuta” xuntará a partir das nove da noite a mariachis que non saben tocar a trompeta tirando así do absurdo que conleva esperpentismo e risa, moita risa. Dará traballo a actores en paro e a actores que rozan a sobreexplotación, a médicos chuscos e a profesores de lingüística.
Como non podía ser menos, haberá tamén chulos de piscina nunha combinación de elementos adaptada para todo tipo de públicos. Aquí estarán parte das liñas humorísticas que se dan nos distintos países a modo de show  amable, advirten, que sendo respectuoso non prescinde da crítica: “Dentro de todo este desastre, hai unha mensaxe positiva”.
A compañía que dará o chupinazo para a tempada estival do Rosalía serve de plataforma de produción a marcas como Mofa e Befa, o duo cómico de Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira, aos espectáculos unipersonis de Quico Cadaval e a proxectos musicais de Piti Sanz. Leva participado en festivais e eventos de España, Portugal e Latinoamérica.


 

Produccións Excéntricas fará uso da parodia e o xesto en “Pataca minuta”

Te puede interesar