Milladoiro | “Vimos á casa de papá e mamá a dicirlles ‘mira que criatura traemos’”

Milladoiro | “Vimos á casa de papá e mamá a dicirlles ‘mira que criatura traemos’”
Moncho García, Xosé V. Ferreirós e Nando Casal falaron do disco número 26 da súa carreira

Milladoiro presenta o sábado “Atlántico” en directo, “unha referencia ao mar que nos baña”, vía de escape para moitos porque “era máis fácil botarse ao mar que tirar hacia o interior”. Así que os mil e pico kilómetros de costa que ten Galicia son marea que sobe e baixa en doce temas nos que a formación enaltece a condición de océano que conecta co resto do mundo: “Parece que só está o mediterráneo”. 

Por iso, atenden a raíz “do noso ser” para tocar e falar con música de que no Atlántico comezou todo. O grupo interpretará o novo ás 20.30 horas, no teatro Colón, nesa necesidade de “vir á casa de mamá e papá, os que nos viron por primeira vez, para dicirlles mira que maiores somos e que criatura traemos”. 

A estas alturas da película, os músicos saben de sobra que gustará máis aínda se se ten en conta que a cidade colle en proporción máis cacho de atlántico, “está rodeada de mar por todos lados”. O proxecto, conta Moncho García, vén da máis absoluta liberdade e da calma. Levaban oito anos en secano, sen gravar e sentiron que había que lanzar un traballo coa formación actual, os tres de sempre –Nando Casal, Xosé V. Ferreirós e Moncho García– e os tres últimos, Harry C., Manu Conde e Manu Riveiro, que non estaban cando arrincaron pero aportan o seu talento desde hai anos. 

E son precisamente estos tres últimos quenes fan do 26, un disco no que a autoría das cancións ten nome e apelidos. Até o de agora, Moncho explica que asinaban as melodías como obras colectiva. A impronta da xente nova é recoñecida deste xeito polos vellos que levaron as ideas deles polo filtro de Milladoiro, soan a Milladoiro pero teñen influenzas diversas de cousas de agora e iso “atraíanos, pero levamos tantos anos neste mundo que xa tes unhas formas establecidas”.

E así foron asentando o repertorio no corpus da formación: “Iso lle dou unha cohesión porque se non fixéramos así, produciríase moito contraste”. Os tres máis mozos axudan a conectar, “están moi forxados na música, tamén fan bandas sonoras que as premian en Estados Unidos” e neste aspecto, os veteranos non perden o norte musical. 
Da ducia de melodías que veñen a presentar, seis son de autor e as outras seis responden a arranxos sobre temas tradicionais: “Hai un alalá de dez segundos que convertemos en tres minutos, inaugurámolo no festival Espírito do Planeta, de Bérgamo, e fomos capaces de emocionar con el a xentes de cinco continentes”. 


Con “Atlántico” queren dar a coñecer quen é Milladoiro neste momento nun teatro que “para nós é un templo sagrado”. Contan que se non fora polo Colón, non os escoitarían na Coruña porque con case 40 anos na música, explican que “xa non chamamos ás portas”. 

Moncho di que no presente “é cando somos mellores”, aínda que tamén pensa que é unha esaxeración aquelo de que non se entende Galicia sen Milladoiro. Si en troques afirman que Milladoiro sen Galicia non existiría porque “o grupo tivo unha razón de ser, a de traballar polo país e a cultura e preservar un patrimonio como a música que a finais dos 70 estaba en risco real de desaparecer”. 

Na actualidade, contan que o nome da formación cumpre coa intención pola que o elixiron porque xa non son os de fóra quenes veñen a Galicia e agrupan moreiñas de pedras. Milladoiro expande por aí adiante pedras que son país. É grupo de culto alén de Pedrafita e aquelo que era unha utopía, hoxe é real.

Milladoiro | “Vimos á casa de papá e mamá a dicirlles ‘mira que criatura traemos’”

Te puede interesar