Touriñán e Carlos Blanco chegan en xaneiro con “Somos criminais” para falar dun delinquir propio

Touriñán e Carlos Blanco chegan en xaneiro con “Somos criminais” para falar dun delinquir propio
El Ideal Gallego-2018-12-22-037-d1b59fd6

“Somos Criminais”, o espectáculo de Touriñán e Carlos Blanco, chegará en xaneiro ao Colón en seis funcións do 11 ao 13 cun cartel “récord” no teatro galego como é o de despachar no que levan de xira até 50.000 entradas. Os dous actores valoraron o fito sen precedentes na dramaturxia do país, acadado en nove meses de vida desde a súa estrea en marzo na Illa de Arousa: “Cos espectadores de ‘Somos Criminais’ poderíamos encher Riazor e Balaídos á vez”. O actor arousán e o cullerdense pasaron polas sete cidades galegas e outras tantas vilas, programando dúas, tres, catro e ata seis pases nunha mesma fin de semana, e colgando o cartel de “entradas esgotadas” en todas e cada unha delas. Despois de rematar o  percorrido en Narón, “tocará atender a outros proxectos, sobre todo, compromisos relacionados co audiovisual, sen descartar volver con este espectáculo nalgún momento”.

A parella agradeceu “a inmensa mostra de cariño do público, desprazándose en moitos casos desde lonxe para estar no espectáculo”. Do mesmo xeito, aseguraron sentirse absolutamente sorprendidos e emocionados por datos que nin por asomo sospeitaban ao inicio da xira. “É un desgaste importante, facer dúas funcións nunha mesma tarde non é doado, é un gran esforzo que en cambio se compensa vendo a reacción do público”, aseguraron. O importante é para eles que a xente “veña o teatro para divertirse”.

Os protagonistas de “Somos Criminais” quixeron facer tamén unha valoración sobre o estado do teatro galego e do seu futuro. “Xa pasaron os tempos nos que ao teatro galego o mandaban ao auditorio pequeno dun barrio e ao Colón viñan as compañías de Madrid, agora somos nós os que enchemos, con teatro galego, seis veces nunha fin de semana o Colón”, apuntou Carlos Blanco. Touriñán referiuse á importancia de que o teatro sexa entendido pola xente como un plan máis de lecer, “como ir ao fútbol ou a un concerto. Ao teatro hai que vir para pasalo ben, e quen proba sabe que se pasa ben, e que é unha experiencia marabillosa”, dixo.

As entradas pódense adquirir a través de www.somoscriminais.gal.

Delinquidores do país
A obra aborda o feito de ter unha cultura criminal propia, na que se delinque como galegos. Para iso, Carlos Blanco e Touriñán analizan e dramatizan crímenes autóctonos en todas as súas variables, desde o que se comete por “arroutada” ata o que vén favorecido por unha “acumulación de mala hostia”, pasando polo familiar por culpa das herdanzas, ao asasinato por suxestión ou as orixes do narcotraficante galego. 

As funcións terán lugar o venres 11, ás 20.30 e 23.00 horas. O sábado representarase ás 18.00 e 20.30 horas e o domingo será ás 18.00 e 20.30 horas. As localidades parten dos nove euros.

Touriñán e Carlos Blanco chegan en xaneiro con “Somos criminais” para falar dun delinquir propio

Te puede interesar