Emprega en feminino é o novo programa da Xunta que, con 100 millóns de euros ata 2020, busca desenvolver medidas que impulsen o papel da muller no mercado laboral. Cun investimento medio anual de 25 millóns, esta folla de ruta inclúe catro eixos de actuación con propostas innovadoras que faciliten a súa incorporación profesional; o seu desenvolvemento; a igualdade na empresa; e apoiar o emprendemento.
O Goberno galego fíxase con esta actuación ata 2020 aumentar a taxa de emprego feminino en dous puntos; chegar ao 75% das mulleres asalariadas con contrato indefinido, prestando especial atención a novos sectores estratéxicos, como a Industria 4.0; situar o emprego autónomo entre as mulleres no 21% das afiliadas, preto de dous puntos máis que na actualidade.
Para facilitar a incorporación da muller ao mercado de traballo, equilibrando a súa participación, Emprega en feminino inclúe, entre as súas medidas destacadas, incentivos para a reincorporación de nais paradas de longa duración, un incremento do 25% dos incentivos á contratación de mulleres, e a vinculación de accións de orientación laboral co ámbito da formación. Potenciarase, así mesmo, a certificación de profesionalidade para mulleres que desexen incorporarse a un posto de traballo.
Programa Excelsia
A Consellería de Economía, Emprego e Industria, ademais, fomentará o desenvolvemento profesional do colectivo feminino coa primeira edición do programa Excelsia para formar a novas tituladas, tanto universitarias como de FP, en postos intermedios. Neste segundo eixo de actuación tamén incidirase na formación para o emprego vinculada á Industria 4.0 e a sectores estratéxicos, desenvolverase unha nova edición de Executivas para seguir dando a oportunidade ás desempregadas de formarse en postos de dirección, e realizaranse talleres para que as mulleres que participen nestas talleres poidan desenvolver a súa marca persoal.
O terceiro gran obxectivo do programa será a elaboración e implantación de medidas de igualdade e fomentar a corresponsabilidade para garantir a conciliación. Para iso, incentivarase a igualdade na empresa, levaranse a cabo campañas de sensibilización, favorecerase a contratación pública en Responsabilidade Social Empresarial e realizaranse novas medidas para loitar contra a fenda salarial en na Comunidade galega.
Por último, o eixo do emprendemento inclúe a posta en marcha dun banco de ideas para novas iniciativas empresariais e o fomento da titularidade feminina en entidades de economía social. Reforzarase, ademais, o apoio ás iniciativas femininas na promoción do emprego autónomo e da economía social.
Colectivo estratéxico
As mulleres son neste momento un colectivo prioritario en todas as políticas activas de emprego da Xunta. Deste feito, as axudas relacionadas con este ámbito teñen unha maior intensidade. Nos últimos catro anos, o 50% dos beneficiarios dos programas de emprego levados a cabo pola Xunta foron mulleres.
As medidas incluídas en Emprega en feminino compléntase con outras iniciativas de apoio ás mulleres que xa está a promover a Xunta a través das consellerías do Mar e do Medio Rural e das secretarías xerais de Emprego e da Igualdade. Así mesmo, e para avanzar cara unha igualdade efectiva entre homes e mulleres, a Xunta instou ao Consello Galego de Relacións Laborais para que os axentes económicos e sociais establezan as liñas básicas, nas que se están a traballar, para un Acordo Marco Interprofesional de ámbito autonómico sobre a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.
O perfil da muller
A muller traballadora en Galicia conta cunha titulación media en educación secundaria ou superior e é de media máis emprendedora que no resto de España. De feito, o emprendemento neste colectivo está consolidado nun 49,7% fronte ao 40,04% da media estatal. O 42,2% dos autónomos en Galicia son mulleres fronte ao 34,9% de España, 7,3 puntos por enriba do conxunto nacional.
O emprego entre as mulleres está crecendo na Comunidade, unha tendencia que avalan os últimos datos de paro: reflicten que o desemprego baixou nun 7,22% entre as mulleres no último ano.
A taxa de emprego, así mesmo, está preto de dous puntos por enriba de España, crecendo tanto a contratación indefinida como a tempo completo.
Así, un 91,1% dos novos ocupados rexistrados a xornada completa foron mulleres no primeiro trimestre do ano.
Nova iniciativa
A Xunta anunciou esta semana que investirá na próxima convocatoria dos programas integrados de emprego 9,5 millóns de euros, un 40% máis que na pasada edición, para incrementar as oportunidades laborais de 4.000 persoas sen emprego, 565 máis que na convocatoria anterior.
A iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria, inclúe por primeira vez a reserva dunha porcentaxe do orzamento para o desenvolvemento de plans específicos para as mulleres. En concreto, destinaranse dous millóns de euros a esta actuación que activa a primeira das medidas de Emprega en Feminino.
A orde de axudas, que está destinada a concellos e entidades sen ánimo de lucro, publicarase nas próximas semanas no Diario Oficial de Galicia (DOG). O Goberno galego prevé poñer en marcha un total de 46 programas para mellorar a inserción laboral dos participantes. Como novidade este ano, a Xunta primará a aqueles proxectos nos que participe e, polo tanto, estea implicado o tecido empresarial de cada zona co obxectivo de que os programas se centren nas demandas laborais de cada comarca.
Os programas integrados de emprego están enfocados a mellorar a ocupación dos desempregados establecendo como obxectivo a inserción laboral dun mínimo do 30% dos seus participantes. Cada plan integrado inclúe accións personalizadas de diversa natureza como información, orientación, asesoramento e formación combinado con prácticas laborais.
A actuación forma parte da Axenda 20 para o Emprego, a planificación do Goberno galego en materia laboral para impulsar o emprego estable e de calidade e coa que se pretende en 2020 reducir a taxa de paro ata o 10% coa creación de entre 80.000 e 100.000 novos empregos e a creación ou conversión de 50.000 contratos en indefinidos.
O Goberno galego, a través desta folla de ruta, vén activando ao longo deste ano diversos programas e axudas enfocados a ampliar as oportunidades laborais dos galegos e galegas como son os cursos de formación, os obradoiros ou as plataformas lanzadeiras de emprego.