Máis da metade das mediacións familiares intraxudiciais culminan hoxe cun acordo

Máis da metade das mediacións familiares intraxudiciais culminan hoxe cun acordo
juan jose martin responde a unha pregunta oral sobre a implantacion de novas forumlas de teletraballo foto: ana varela

As consellerías de Presidencia e de Traballo e Benestar, puxeron en marcha no ano 2009 un programa de mediación familiar intraxudicial nos xulgados de Santiago, que cos anos demostrou moi bos resultados e se estendeu a Ourense, Lugo e Vigo, onde tamén colabora a Universidade.
Os últimos datos dos que  se dispón, ata o primeiro semestre deste ano, mostran que dos casos que foron derivados a estes servizos a mediación foi aceptada en 248 ocasións e no 54 por cento –133 casos– esa mediación rematou nun acordo.
Por servizos, no de Santiago de Compostela -o máis veterano- aceptáronse 175 mediacións e 92 delas remataron cun acordo entre as partes. En Ourense, houbo 48 mediacións e 30 acordos, máis do 60 por cento; e en Vigo houbo 25 mediacións aceptadas e 11 acordos.

rápido e económico
A mediación é un recurso totalmente gratuíto e a súa aceptación é voluntaria. Pode ser solicitado por calquera das partes, aínda que na práctica é o xuíz quen valora a situación e decide derivar os casos susceptibles de chegar a un acordo.
Todos os expertos coinciden en que a mediación familiar –aquela que se leva a cabo cando o proceso xudicial xa está iniciado– favorece a resolución de conflitos de xeito rápido e económico, incide directamente nunha redución da carga de litixiosidade, e consecuentemente contribúe a baixar a carga de traballo nos xulgados galegos.
Ademais, este tipo de mediación aforra custes emocionais, ao pretender que os dous membros da parella atopen por si mesmos un acordo duradeiro e mutuamente aceptable, algo que é especialmente importante nos casos de rupturas familiares con fillos menores.
Asesoramento de expertos
No caso de que ambas partes acepten voluntariamente acollerse a este programa, contarán co asesoramento neutral e cualificado de profesionais do dereito e da psicoloxía, que actuarán como mediadores no conflito.A intervención destes profesionais buscará sempre promover un acordo das partes que, posteriormente, só necesitaría ser ratificado xudicialmente.
Os casos máis habituais á hora de recorrer a este tipo de mediación son os divorcios, separacións, modificacións de medidas económicas e garda e custodia, visitas avós-netos, tutelas ou execucións por incumprimentos ou liquidacións de bens gananciais; entre outros.

Ourense, pioneira
Ademais destes exemplos, fai uns meses a Xunta avanzou un paso máis no apoio á mediación e puxo en marcha na provincia de Ourense un programa de mediación intraxudicial penal en materia de delitos de seguridade viaria, pioneiro en todo España.
Foi a través dun convenio de colaboración que asinaron a Consellería de Presidencia, o Consello Xeral do Poder Xudicial, a Fiscalía Superior de Galicia e o Colexio de Avogados de Ourense, para que por primeira vez o sistema de mediación se aplique no eido da seguridade viaria.
Os xuíces e fiscais serán os encargados de derivar este tipo de asuntos cando os consideren idóneos para a mediación.
Pola súa banda, o Colexio de Avogados de Ourense contará cun equipo permanente de mediación que se encargará de avaliar cada caso concreto e informar ás partes sobre a existencia deste servizo.
Trátase dun equipo multidisciplinar do que poderán formar parte as oficinas de atención ás vítimas, avogados, xuristas, psicólogos, expertos universitarios e traballadores sociais, entre outros.
En definitiva, trátase de poñer en marcha un programa cuxa finalidade é  reformular o sistema penal coa participación máis directa das vítimas posibilitando a rehabilitación e reinserción social da persoa infractora, achegando desta forma a Xustiza á cidadanía e propiciando fórmulas máis participativas.
En conxunto, a mediación penal axuda a procurar unha resposta útil ao conflito e facilita un achegamento ás necesidades reais da vítima, do infractor e da propia sociedade.

Máis da metade das mediacións familiares intraxudiciais culminan hoxe cun acordo

Te puede interesar