Un grupo de artistas nacidos nos oitenta reformulan na Luís Seoane o presente

Un grupo de artistas nacidos nos oitenta reformulan na Luís Seoane o presente

Oriol Vilanova opta por reflexionar sobre conceptos tan recorrentes na arte como o cliché ou o símbolo. El escolle unha chea de postais de arcos de triunfo que pon en fila na Fundación Seoane. Con eles, o autor analiza Occidente e a evolución da fotografía. Enrique Lista non necesita irse tan lonxe. Bástalle con recopilar as informacións e imaxes que queren transmitir os distintos organismos sobre A Coruña como destino turístico.

Os creadores dan unha idea do que está a pasar a través de obras sobre aspectos actuais

Esta forma de construír o imaxinario dun lugar está tamén presente na proposta de Mónica Cabo, que fixa o seu centro de operacións nos xardíns próximos á fundación, que hoxe funcionan de aparcadoiro e onde se mesturan especies vexetais autóctonas e alóctonas. Estas sérvenlle para repensar o mundo no que todo tende a ser etiquetado e as flores non se libran porque cada unha delas leva asociado un concepto.

É así como un grupo de artistas, todos coa característica común de nacer nos primeiros anos da década dos 80, mascullan a actualidade. Van ata o pasado e retornan ao presente para facer un inventario do feito. A exposición “Método (...): Montaxe (...). Ecos de Baudelaire, Brecht e Benjamin” recolle todos os pedazos desta reflexión conxunta que pasa do ámbito local ao universal e toca distintas manifestacións artísticas.

 

arquivos

Así é como David Ferrando acode ao cinema e reúne unha serie de fotos e un video da serie “Natural Scenes”, que proporcionan ao curioso unha visión da paisaxe e da memoria afectiva persoal construída en parte pola sétima arte.

Nicolás Combarro incide na arquitectura e fai acopio dun arquivo de imaxes que teñen distintos apelidos. Na súa clasificadora caben os edificios vulgares e os anónimos, os precarios pero tamén os patrimoniais. Son formas de representar a realidade. Propostas diferentes de analizar a sociedade como a que presenta o colectivo Faena, que traza un retratos dos coruñeses en base aos libros que len unha ampla maioría.

E se Amaya González plasma a pulsión da xente a querer coleccionar todo tipo de obxectos, imaxes e materiais, Rita Rodríguez agrupa xestos en videos. As súas performances alíanse con accións tan cotiás como neuróticas e a artista coruñesa entrelaza todas elas como se formasen parte dun caleidoscopio que abre unha nova mirada. O proxecto, que se pode ver na Fundación Seoane, complétase cunha publicación que segue a liña expositiva de xuntar fragmentos, datos e referencias postas de xeito que ofrezan outro horizonte.

Trátase dunha proposta editorial integral e autónoma que acompaña, interroga e expande o que se reflicte na mostra. Titulado “Post-invisible”, o libro coral reforza a mensaxe, que toma unha cita de Walter Benjamin para amosar parte dos farrapos dos que se compón o planeta co fin de construír unha nova realidade. Xogando coa memoria e o arquivo. Eles abren a porta do almacén e deixan que sexa o espectador quen se decate dos temas, problemas e preocupacións estéticas e sociais. Nun mesmo contexto.

Igual que o pensador alemán repensou unha forma de vida adosada a un sistema económico concreto e colocou esa realidade nun soporte distinto, o colectivo de creadores fai un inventario do seu tempo para afastalo do escenario no que acontecen as cousas. E que cada un saque as súas propias conclusións. n

 

Un grupo de artistas nacidos nos oitenta reformulan na Luís Seoane o presente

Te puede interesar