Amigos dos Museos doa tres cartas de María Casares ao Arquivo Municipal

|

El Ideal Gallego-2011-05-19-015-04239863

m.g.m. > a coruña
  Amigos dos Museos de Galicia quixo ceder no Día Internacional dos Museos tres misivas que a pequena María Casares escribiu con nove anos cando estaba en Madrid. A intelectual relatáballe a José Naya Freigido a quen chamaba cariñosamente “muñequiño” todo o que estaba a aprender no colexio e como cada vez tiña máis amigas.
Felipe Senén depositaba todo este material onte na casa museo da súa familia xunto a unha primeira edición en francés de “Residente Priviligiée”, a autobiografía da actriz que marchou forzada da cidade. O historiador falaba da importancia dos continentes que engloban a memoria pero tamén dos contidos, por iso o colectivo que representa quere encher de vida unha biblioteca, a dos Casares Quiroga, que no seu tempo foi literalmente destruída.
As cartas, explicaba Senén, datan de 1931 e nelas denótase a morriña que a pequena da saga tiña por Galicia ao rematar as palabras en “iño” e expresar o seu desexo de voltar á cidade para ver a José Naya, a quen lle preguntaba se a tiña olvidada ou pola contra se recordaba aquel último día. A cativa dubida do que realmente é para o seu “corazonciño” e en dúas escribe puntos suspensivos para asinar en todas como María Victoria.
Pola súa parte, a arquiveira Mariola Suárez contaba que as orixinais pasarán ás dependencias do Arquivo Municipal mentres que na casa museo estarán tres reproducións co fin de que se conserven nas condicións precisas e non se deterioren. Dicía Suárez que os escritos están desde xa a disposición dos investigadores.
Ademais, Senén aproveitaba o acto de entrega para lembrar a preocupación de Amigos dos Museos de Galicia por gardar as coleccións para que non se perdan xunto ás xoias que se agochan nas casas e que, en moitos dos casos, acaban sendo vendidas ou levadas a sitios de compra-ouro.
Neste aspecto, agradecía á familia Naya Rodríguez a súa xentileza por doar unha correspondencia que é posible que engorde xa que están mirando se son dela outras oito cartas máis. Senén sinalaba que os seus socios teñen cedido material bibliográfico á Real Academia Galega e unha colección de diapositivas de Europa e de distintos sitios do mundo á Real Academia de Bellas Artes.
O experto lembraba que os galegos tiveron sempre unha gran afección por agrupar obxectos de valor como o legado de Blanco Cicerón, que protagonizou grandes exposicións no século XIX. Engadía que moitas destas pezas museísticas acabaron nas mans dos ingleses en subastas.

Fábrica de Tabacos > Felipe Senén reivindicaba que a Fábrica de Tabacos tivera un espazo adicado á memoria dunha cidade que tiña un cheiro especial cando da praza da Palloza saían farias en paquetes para moitas partes do mundo. O historiador sinalaba que non pode ser que se borre definitivamente o pasado cando a mesma Emilia Pardo Bazán se inspirou neste edificio para escribir “La Tribuna” e Pablo Picasso pintou sobre as caixas da fábrica. Aquí deberían ficar tamén os estandartes de todas as corais polifónicas que naceron na cidade e que hoxe teñen récords de antigüedade.
Senén animaba á xente a visitar os mercados de antigüedade que se celebran en San Agustín, os domingos pola mañá, no Cantones Village e en Betanzos porque moitas veces “aparecen cousas de dudosa procedencia”.
Por outra banda, Amigos dos Museos de Galicia outorgaba onte o premio Pedra do Destino 2011, á Fundación Manuel María para axudar a que a casa do poeta de Outeiro de Rei se convirta nun novo continente para a historia e a cultura que ten, neste caso, forma de verso chairego. O colectivo está a reformar a vivenda para achegar a vida e obra dun grande das letras galegas.

Amigos dos Museos doa tres cartas de María Casares ao Arquivo Municipal