A única regata con todos os equipos da Liga Galega

Deporte Campeón-2015-08-07-017-040adae2_1
|

 

O concelleiro de Cultura, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou a trixésima edición e undécima Bandeira Teresa Herrera, que se desenvolverá esta fin de semana na enseada do Orzán, coa regata clasificatoria contrarreloxo mañán, a partir das 17.00 horas, e a regata final o domingo, que comezará as 12.00 horas.
A competición mostra, en palabras do concelleiro, a “aposta clara que existe por parte deste Goberno municipal por aqueles deportes entendidos como non maioritarios, e que precisan un apoio máis claro”.  Sande lembrou tamén a “arraigada tradición, instalada na memoria histórica popular” coa que conta este deporte náutico.
Na mesma liña, o presidente da Federación Galega de Remo, José Manuel Seijas, recordou o inicio desta práctica deportiva en A Coruña, a principios do século pasado, coas embarcacións que saían á pesca da sardiña. “Tiñan dous obxectivos: pescar canto antes e traela pronto a porto para vendela ao mellor prezo na lonxa. Así comezaron as primeiras competicións”, indicou.
A primeira tanda de mañán sairá por orde declasificación da Liga Galega. O CD Mariñeiro de Mera, pechacancelas da Liga B, sairá  en primeiro lugar da probra cronometrada. Ao minuto sairán Vila de Cangas (penúltimo da Liga B), Rianxo (5º), Cesantes (4º), Chapela (3º), Castropol (2º) e Mecos (1º). Ao remate desta tanda, aos cinco minutos, terá lugar a segunda, na que competirá todas as tripulacións que disputan a Liga Galega A, con Clube do Mar de Bueu (8º), CR Salgado-Perillo (7º), Vilaxoán (6º), Coruxo (5º), Puebla (4º), Clube do Mar de Mugardos (3º), CR Ares (2º) e Amegrove CR (1º).
As dúas embarcacións que exercerán como locais, Mera e Perillo, tratarán de mellorar as súas frouxas prestacións das derradeiras regatas. 
Tal como sinalou o presidente da Federación Galega, de aí sairán os dez mellores tempos, cos que se formarán as tandas do domingo (a primeira, do sexto ao décimo clasificados e a tanda de honor, do primero ao quinto).
Esta regata esperase con moita ilusión, pois é unha das máis coñecidas de toda a temporada e unha oportunidade para remar todos os clubes das dúas categorías da Liga Galega xuntos, momento que moitos esperaban para marcar a diferencia e demostrar a súa valía.

A única regata con todos os equipos da Liga Galega