Vinte voces lembran a Pereiro no Rosalía baixo unha atmósfera gris e metálica

Vinte voces lembran  a Pereiro no Rosalía baixo unha atmósfera gris e metálica
El Ideal Gallego-2016-02-29-021-28ddd2b1

Xavier Seoane sempre o identificou cun raposo branco. Yolanda Castaño recordou un recital que Lois Pereiro dera cando ela non chegaba aos vinte anos, que estaba tan ateigado de xente que non foi capaz de ver a voz que, en troques, enchía todo o que de baleiro quedaba nese local. Lino Braxe titulaba o recital en homenaxe ao seu compañeiro “O fillo da furia” porque sempre pensou este título para un espectáculo. 
E co seu gabán, Pereiro voltou a sobrevoar o espazo. Non podía haber mellor telón de fondo que o Rosalía nun día que Seoane pensou como idóneo, cunha atmósfera gris e metálica que de seguro lle gustaría ao autor. 
Alí, no estrado, non había máis ca xente e letras. Álvaro Antelo foi o primeiro en saír á palestra. Estíbaliz Espinosa debutou  cun texto propio xunto a Rosalía Fernández, quen falou na súa composición da brétema monfortina nunha obra que tiña notas musicais. 
Así o público pulsaba “play” na súa cabeza a saían a bailar Lou Reed, David Bowie e Pink Floyd. Foi o primero dos tributos que un ciclo como “Historias de almanaque” fará nos vindeiros meses. Con el, lembraranse a vivos e mortos pero importantes todos nesa teima por axitaren a cultura. 
Organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AEELG) e o Concello, o recital contou coa participación de O’Leo quen lle deu un toque máis punk se cabe ao asunto berrando aquelo de “Narcisismo” e outras perlas, un poema que recordaría tamén o mesmo Braxe e que levaría a Dores Tembrás a recuperar a sintonía con que se celebraron os acontecementos de hai cinco anos cando Pereiro foi o protagonista do Día das Letras Galegas: “A mesma potencia daquel vento”. 
Non hai mellor forma de homenaxear a un poeta que lendo os seus poemas. Dicíao Xulio Valcárcel nunha velada e nun ano no que se cumpren 20 anos do seu pasamento e no que Lois chegaría aos 58 anos. Co seu irmán, Xosé Manuel, no patio de butacas, e Mercedes Queixas e Braxe, como capitáns os tres do barco, e a colaboración das actrices Manuela Varela e Sabela Hermida, Valcárcel afirmou entre versos que “sen deixar O Incio, asombraches as lúas de Madrid e as de Berlín” nunha fundición de corpo, terra e poema. 
Completaron a posta en común Antía Otero, Alfredo Ferreiro ou H. Rivadulla Corcón, algúns con textos propios e outros tomando a poesía de Pereiro de prestado nun toma e daca que rematou Iolanda Zúñiga recitando unha peza de gañar e de perder e de combater a fin de contas cando “o que quixen contigo foi empatar”. 
Despois dunha semana na que se celebrou o 179 do nacemento de Rosalía cunha serie de iniciativas que partiron do colectivo de escritores para convertir a data nunha celebración fixa do calendario, a asociación de autores antepuxo na presentación da homenaxe unha das súas citas: “Cuspídeme enriba cando pasedes por diante do lugar no que eu repouse enviándome unha hímida mensaxe de vida e de furia necesaria” para rescatar parte da maxia, aquela que transformou o 2011 nunha serie de xestos masivos desde Conética a París que falaron por si sós da importancia da escrita. O concelleiro de Cultura, José Manuel Sande, explicaba en días pasados que a escolla de Pereiro para festexar o 17 de maio confirmou que as cousas non hai que medilas pola súa cantidade, senón pola valía que teñen. Esa é a medida correcta.

Vinte voces lembran a Pereiro no Rosalía baixo unha atmósfera gris e metálica

Te puede interesar