A “Lus do candil” alumea un oco valeiro para saíres da crise coa mellor compañía

|

A pesares de ter máis de 30.000 veciños e ser un dos municipios cunha natalidade máis elevada, Arteixo non tiña ningunha libraría como tal, aínda que si hai tendas onde se mesturan algúns libros con material de papelería. Modesto Fraga e Alba Rodríguez decidiron emprender esta “aventura” en plena crise e inaugurar A Lus do Candil, a primeira libraría de Arteixo e que se atopa en Historiador Vedía.

“Tiñamos este local e decidimos revalorizalo espazo e adaptalo ás nosas vidas”, sinala Fraga que enuncia que el forma parte do eido cultural galego e da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

A tenda conta cunha sala de lectura e ademais ofrece espazos para as exposicións de cadros e artesanía

A intención dos seus donos é ofrecer un espazo onde atopar editoriais consagradas como Xerais e tamén os proxectos independentes como os que nacen no seo do Patas de Peixe. Nunha pequena mesa tamén se atopan libros en castelán. Os “best-seller” que non poden faltar en calquera espazo de venda de libros.

“Era unha pena que si alguén quería un libro tivese que ir á Coruña. Faltaba isto”, sinala Fraga que explica a simboloxía do nome deste pequeno recuncho de sonos, contos e historias. “É unha homenaxe a un dos autores de referencia da literatura galega como é Ánxel Fole e, nun sentido metafórico, a lus e o candil teñen unha relación cós libros, porque iluminan as nosas vidas e ensínannos”.

E dentro desta idea de que os volumes literarios “non sexan só un obxecto”, Fraga e Rodríguez ofrecen un espazo cultural para todos os veciños. Dunha parte, haberá presentacións de obras literarias onde non faltarán José Estévez, Miguel Sande ou Manuel Rivas.

Os pequenos disfrutarán dos contacontos. “A vaca que puxo un ovo” editado por Patas de Peixe estará na libraría. “É un auténtico “best-seller” e moi divertido, con xente disfrazada de vaca e todo”.

 

Complementos

Ao máis puro estilo zen, as estanterías de volumes dan paso a unha sala de lectura. Sillóns e butacas onde pasar a tarde ollando as recomendacións dos propietarios, e onde, como bos anfitrións, non dudan en ofrecer unha cunha de café.

Será neste rincón onde leven a cabo a súa próxima actividade un ciclo poético onde os protagonistas serán as xeracións dos 90 como Letras de Cal ou Batallón da Costa da Morte. “Os seus membros desmitificaron á poesía porque a levaron a bares, ou a pubs e nunca se lles fixo ningunha homenaxe”, afirma Fraga.

Os recitais competirán no mesmo espazos coas exposicións de artesanía, cadros e esculturas que pouco a pouco rodearán o elemento con máis personalidade do local: un gran carro galego de labranza restaurado. n

 

A “Lus do candil” alumea un oco valeiro para saíres da crise coa mellor compañía