Todo un Castelao por descubrir

Todo un Castelao por descubrir
Copia de Sin título-2

Comezaron introducíndose na vida de Castelao cun relato que atoparon en “Retrincos” no que Alfonso Daniel conta como concebía a un cabezudo. A peza foi o xermolo dunha obra gráfica, “Titoán”, merecedora do premio Castelao de Banda Deseñada outorgado pola Deputación. Seguramente a distinción fíxolles pensar que aquel polo que pasaban de largo na EXB tiña máis que aportarlles a seu lapis.
E o certo que os dez anos que abordaron naquela novela gráfica deron pé a unha segunda, “Máis alá!”, que toma como título o manifesto de Manuel Antonio, para contar a golpe de viñetas como Castelao collía a maleta e percorría Europa, sabedor de que non nacera para médico pero si para a arte e a política. Inacio e Iván Suárez entenderon que o personaxe merecía máis papel do que gastaran e tamén que o lector debía ir máis adentro e non quedarse na superficie sobor dun home que a pesar das vicisitudes, seguiu a crer nos principios básicos de “mellorar a vida da xente que non tiña nada”, recalcaba Inacio.
Porque eles non pretendían abarcar toda a obra prolífica do de Rianxo, os oitos capítulos que pensan publicar sobre el poden ser o principio dunha achega máis profunda, fozando a posteriori no que Castelao fixo: “Eu quedeime con pinceladas na escola, para nada sabía que de Galicia fora a Bos Aires, estudiara en Santiago e andivera de arriba para abaixo Rusia e os Estados Unidos para acabar sendo ministro en Francia”.
Máis alá das biografías que aparecen nas enciclopedias do galeguista, a parella de guionista e ilustrador intentan destacar a modo de trazos a súa enerxía interior, capaz de facerlle superar as dificultades: “Date conta que perdeu un fillo e case queda cego”, sinala Inacio.
A colección supón tamén unha homenaxe ao que está considerado pioneiro da banda deseñada, que “tería feito historietas noutro contexto”. Por iso, Inacio asegura que “estamos dándolle o que el non fixo” cun estilo distinto pero que garda certo parecido na síntese: “É un modo de contar simple con moita documentación sobre os espazos no que estivo”, indica o guionista.
De momento, o lector pode facerse coas treis primeiras entregas porque ademais de “Titoán” e “Máis alá!”, Demo Editorial sacou á venda “O pobre tolo”, no que os autores van ata o desterro do escritor a Badaxoz en 1935 e como asentado en Extremadura, Castelao relata para “A nosa terra” a forma de vida dos do sur e volca toda a súa saudade. Ao estar lonxe da terra, pero tamén ao ver distantes os seus propósitos na política.
No forno está a quencer unha cuarta historia. Moi curiosa porque nela, o lector refuxiarase na infancia do coruñés. Inacio conta que xurdiu lendo unha entrevista que lle fixeran no 38 en Barcelona tras os bombardeos italianos cando a Alfonso Daniel se lle deu por ir a súa nenez para desvelar cousas moi persoias. E falar de como un día se lle deu por arruinarlle ao pai o seu negocio co obxectivo de voltar a Galicia e como o pai castigouno levándoo para o máis profundo da Pampa. Co que non contaba o proxenitor era que o pequeno Castelao ía adaptarse ao cambio ata o punto que cando o foi a buscar tomaba mate e tocaba a guitarra como un máis. Por cousas así, Inacio afirma que “hai todo un Castelao por descubrir”.

Todo un Castelao por descubrir

Te puede interesar