“Non podemos inmobilizarnos ante unha política de recortes errónea”

“Non podemos inmobilizarnos ante unha política de recortes errónea”
Iglesias foi elixida por maioría absoluta na primera volta a. aparicio

Iglesias Galdo analiza os retos da facultade de Ciencias da Educación de cara aos vindeiros catro anos, tanto a nivel interno do propio centro, como fronte aos cambios que se aveciñan no eido educativo en xeral.

––Cales son os retos que se propón á fronte do decanato?

––Os retos son moitos a todos os niveis. En primeiro lugar, e na maneira do posible, imos tentar mellorar os títulos de grao, que nesta facultade son catro: Educación Infantil, Primaria, Logopedia e Educación Social. Cando se implantou o Espazo Europeo de Edudación Superior (Plan Bolonia) non houbo moito tempo para adaptalos adecuadamente, porque os prazos que se deron eran moi xustos. Agora, con este tres anos que temos de percorrido, xa contamos con certa experiencia para traballar, sobre todo, nos contidos. Neste sentido, un dos principais retos de cara ao vindeiro ano é a implantación do cuarto curso das catro titulacións, especialmente o “practicum”.

––O que serían as prácticas profesionais...

––Exactamente. Digamos que un reto histórico, pero ao mesmo tempo actual, é o de promover iniciativas de colaboración cos centros profesionais.

––Falando das saídas profesionais. Como se acolle dende unha facultade como esta o anuncio do Goberno de aplicar recortes en educación?

––Pois o anuncio dos recortes vivímolo máis que con medo con tristeza, porque vemos que é unha política errónea. Pero ao mesmo tempo, penso que isto non debe inmobilizarnos, senón todo o contrario; hai que ser activos e demostrar paixón polo coñecemento e indignarnos contra o que consideramos que non é xusto. A inversión en educación sempre é necesaria e os seus efectos poden verse a longo prazo.

“Hai que mellorar os graos, porque no seu momento non houbo tempo a adaptalos adecuadamente”

 

––Pero, pensa vostede que o alumnado vai cambiar as súas preferencias académicas ao non ver boas perspectivas profesionais na docencia?

––É certo que o alumnado ten esta inquedanza, pero escollen a educación porque é optar a unha responsabilidade de cara á cidadanía. Por iso a nosa facultade segue mantendo un número moi significativo de estudantes, que supoñen o 12% do alumnado total de Universidade. Pero con todo isto, non quero dicir que se teñan que obviar os recortes e vivir na inxenuidade, senón seguir loitando pola excelencia educativa.

––Di que o estudantado de Ciencias da Educación representa o 12% da Universidade. Con cantos alumnos conta a facultade?

––Pois, en total, 2.000 estudantes. Aos que habería que engadir os 120 profesores e 25 PAS (persoal administrativo).

––Todo un reto para a nova decana dirixir un centro tan grande.

––A verdade é que si que implica certa complexidade, porque hai que ter en conta que en Ciencias da Educación contamos con catro graos que xa mencionei, ademais dos catro mestrados; un deles, o de Logopedia na Infancia, que está a piques de transformarse noutro de carácter interuniversitario. É dicir, que os alumnos doutras titulacións poden cursalo.

––Que vai pasar coa titulación de Psicopedagoxía?

––Ese é outro dos grandes retos aos que me refería, porque Psicopedagoxia é unha licenciatura moi consolidada na facultade. A nosa proposta é convertila nun mestrado que tamén poida dar saída aos alumnos das titulacións de grao. Pero agora mesmo estamos analizando as propostas de mellora que se terán que presentar o 14 de novembro. Se a xunta de facultade dá a súa aprobación, penso que o mestrado podería empezar a funcionar para o curso 2013–2014.

“Non podemos inmobilizarnos ante unha política de recortes errónea”

Te puede interesar