Leilía celebra os seus 30 anos cun espectáculo especial que traerán o vindeiro venres ao teatro Colón

Leilía celebra os seus 30 anos cun espectáculo especial que traerán o vindeiro venres ao teatro Colón
El Ideal Gallego-2019-06-06-036-2857cf2f

A música de tradicional cantada ou con pandeiretas conta hoxe en día con moitas propostas, pero hai 30 anos, cando xurdiu Leilía, non era algo tan común, e grupos coma o de elas fixeron moito polo ben deste tipo de música.

Mañá ás 20.30 horas Leilía actuará no teatro Colón, cun espectáculo especial, e con sorpresas, co que festexan os seus 30 anos de historia musical. Este show, “CantarElas”, fai un repaso, “a nivel de temas, e a nivel de concepto, de como empezamos e do que facemos agora”, conta Montse Rivera, unha das seis mulleres que conforma Leilía.

Conta Rivera que unha das cousas que están a notar con “CantarElas” é que, ademáis da emoción que lles pode supor a escolla e lembranza dos seus temas, “ocurre un pouquiño tamén o mesmo co público”, porque eles tamén poden lembrar as vivencias, “as músicas sempre traen emocións”.

“CantarElas” “está fiado coa axuda de Quico Cadaval, que nos axuda e nos alenta a poñer todo isto enriba dos escenarios”, di Rivera. Sobre a posta en escena, di que estarán “as seis Leilías” xunto aos tres músicos que as acompañan dende o ano 2008, mais Rivera prefire non desvelar detalles e que o público que acuda ao Colón se sorprenda coas actuacións e incluso teatralizacións que farán.

Este espectáculo é un primeiro paso das celebracións de aniversario, xa que contan con estrenar un novo disco a finais deste ano, ou principios do que vén, aínda que xa no Colón se poderán escoitar temas novos.

Evolución da música 
30 anos dan para moito, como ver a evolución da música tradicional. “Cando nós comezamos decir que eras pandereiteira, era dicir que eras o bicho raro”, conta Rivera, ao que engade, “agora toda asociación cultural ten o seu grupo de pandereteiras”.

Na actualidade “hai unha recuperación de toda esta tradición, e bueno, nós pensamos que Leilía tivo algo que ver, obviamente non o fixemos soas, pero si que puxemos o noso grao de area a que Galicia recuperara a memoria da tradición, da pandeireta, deste xeito de divertirse que estaba agochado, na súa maioría, na memoria das mulleres”, conta Rivera.

Agora, “hai unha enchenta de propostas baseadas no canto tradicional, cunha gran calidade”, di Rivera, “hai 30 anos, esta música era a grande olvidada, nós o que fixemos foi poñela no escenario e dala a coñecer, sin ter moi claro como ao principio, pero a nós nos bulía por dentro que esta riqueza non podía quedar no olvido”.

Leilía celebra os seus 30 anos cun espectáculo especial que traerán o vindeiro venres ao teatro Colón

Te puede interesar