De novela a guía turística nunha semana

|

El Ideal Gallego-2011-07-12-012-1a151037

  Reportaxe de marta garcía márquez

universidades curso de verán sobre “os libros arden mal”

Ten a etiqueta de curso de verán pero a Universidade se desvía da liña para tender unha ponte entre a literatura e o espazo urbano a través dunha obra que ten tanto de A Coruña coma o seu autor. “Os libros arden mal”, de Manuel Rivas, marcará estes días o guión das clases dunha iniciativa na que tamén están metidos a anterior Concellería de Cultura, a Fundación Vicente Risco e a Xunta.
Contaba Luis Martínez, representante do colectivo adicado ás letras do escritor ourensán, que igual que eles confeccionaron unha guía turística inspirados nos lugares aos que atendía Blanco Amor en “A Esmorga”, o que van facer durante esta semana os matriculados terá que ver con material destinado ao turismo e aos propios coruñeses sobre os sitios da cidade que cita Rivas, e que se escapan do de sempre: teñen encanto por razóns ben distintas.
Dicía Luis Martínez que se Ourense explotaba ao máximo o feito de ser proclive a parir xenios da literatura, A Coruña “non lle dá importancia á creación literaria” que colle forma entre A Pasaxe e a Torre de Hércules.
Por iso, a iniciativa fai que o libro de Rivas redunde na identidade da cidade para que os rapaces constrúan un manual orixinal no que tamén estará incluida a historia segundo as referencias das que fala o autor nas páxinas, o urbanismo e a memoria histórica. Neste proxecto están implicados arquitectos, urbanistas, filólogos, profesores e filólogos e aparte das charlas e sesión teóricas, o gordo do programa estará na rúa, a través de roteiros organizados, e na casa museo Casares Quiroga, onde se desenvolverá a maior parte dos contidos por ter un especial protagonismo na novela de Rivas.

Apoio de Cultura > Contaba Martínez que a proposta foi no seu momento moi ben acollida pola anterior concellería, polo que esperan que o novo goberno a apoie do mesmo xeito e o material didáctico que saia desta semana de traballo acade unha difusión cultural, pedagóxica e turística. Ademais, agradecía a María Pita a a súa xentileza ao cederlles as instalacións da casa museo de Panaderas.
Por outra parte, o reitor da Universidade, José María Barja, sinalaba que, no libro, Rivas sitúa un espazo xeográfico como Elviña onde hoxe acampan as facultades, ademais da casa museo do republicano, e lembraba que no paraninfo onde onte se daban as premisas do curso, un Manuel Rivas ingresaba na Real Academia Galega. Barja comentaba que “un chega ás novelas por casualidade”. O seu encontro fortuito con “Os libros arden mal” ocorreu nun acto tan rutinario como a lectura do xornal cando se atopou de bruces cun capítulo do mesmo e percibiu a calidade da publicación.
O propio escritor participará na actividade, un tanto expectante ante o que saquen os estudantes de todo aquelo que tramou para “Os libros arden mal” e recén chegado de Haití, onde está estes días.
A pesar de ser unha opción fóra do común, desde a Universidade explicaban que xunto á elaboración de contidos, o curso formativo que comezaba onte na Maestranza estará dotado dos elementos precisos de compañeirismo que adoitan ter estas cousas para trasladar entre todos o mundo das humanidades e traballar máis de campo. O resultado será, por unha vez, palpable.


 

De novela a guía turística nunha semana