“Representamos unha nova forma de facer as cousas, máis participativa dende o minuto cero”

“Representamos unha nova forma de facer as cousas, máis participativa dende o minuto cero”
El Ideal Gallego-2015-05-13-017-48f46d92

Sadamaioría preséntase ás eleccións co obxectivo de devolver o poder ao pobo. Chega como un partido plenamente democrático, desde a base. Tanto que unha  das súas sinais de identidade é que a súa asemblea será a que decida todos os grandes pasos que deba dar na corporación municipal. E, como lembra o cabeza de lista, Benito Portela, é a única forza que elixiu en primarias o primeiro tramo da lista, incluído a el como número un.

Que viu na localidade para dar este paso?
En Sada o que destacou durante estes catro anos foi a parálise total e institucional, derivada das liortas continuas entre PP e PDSP. O único emprego xerado en Sada neste período foi no xulgado de Betanzos. O paso deino cando vin que era unha ocasión de construír unha forza alternativa de unidade veciñal que expoña un novo modelo de goberno para Sada. Onde impere o interese da maioría por enriba dos intereses duns poucos.

Esa loita interna entre os dous partidos da dereita prexudicou ao desenvolvemento de Sada? Viuse estancada debido a iso?
Claramente. Non levou a pleno ningún asunto de calado. Un órgano colexiado que pasou a ser un ring de boxeo. Eu persoalmente decidín deixar de asistir aos plenos cando vin no que se converteron, cando notei a falta total de vontade de diálogo dos dous grupos da dereita, PP e PDSP.

O descontento que provocou a ruptura interna no BNG podería prexudicarvos no sentido de que os veciños pensan que sodes uns enfadados doutro lado e non aire fresco?
Esta forza está composta por xente de moi diversa procedencia, que conformou unha forza moi plural e diversa, e creou un espazo de convivencia entre xente dunha experiencia política dilatada e moita outra xente que achegan frescura, enerxía e vitalidade ao proceso de cambio que necesita Sada. Persoalmente non teño ningún resentimento cara a ninguén, simplemente acredito unha nova forma de facer as cousas, máis participativa dende o minuto cero, en busca da radicalidade democrática.

Neste pouco tempo que levades como Sadamaioría, como véis o apoio da cidadanía? Notades a calor da xente?
Notamos un apoio crecente día a día, en cada asemblea aberta que celebramos vén xente nova, con ideas novas, que quere participar no proceso de formas diferentes, desde achegar esas ideas ao traballo físico de colocación de carteis... Por outra banda, teño unha percepción de ilusión en moita xente que estaba desencantada da participación política e que agora estáse animando a formar parte deste proceso de transformación.

Téñolle que preguntar pola polémica dos carteis do PSOE, onde se facía referencia aos seus fillos no sentido de mellorar os colexios e o sistema educativo en Sada. Está doído coa candidata Raquel Bolaño?
Sadamaioría non vai facer ningunha valoración sobre as campañas de outros partidos.

No caso de necesitar pactar para formar goberno, ponse algún límite?
Simplemente non proporemos ningún tipo de acordo coas forzas políticas que levaron a Sada a esta situación de parálise.

É dicir, nunca con PP nin PDSP.
Nunca.

E co resto?
É algo que se decidirá en asemblea. A nosa obriga será primeiro interpretar os resultados do día 24 e, en función das alternativas que se propoñen, a asemblea de Sadamaioría será plenamente soberana para tomar a decisión máis axeitada para o futuro de Sada.

Non descarta por tanto ao PSOE, a pesar desa polémica dos carteis.
Claro, pero insisto en que será o que decida a asemblea. O futuro do noso pobo non o vai condicionar unha estratexia de márketing.

Que lle achaca ao goberno actual?
Demasiadas cousas, pero nun contexto de crise como o actual, con 1.231 parados, o feito de non acometer un plan de actuación serio contra o desemprego, á vez que seguiron apostando por un plan integrado con nefastos resultados de inserción. Estamos a subvencionar grandes empresas co traballo dos máis débiles. Non sei como se pode presumir de realizar máis de 2.000 horas de prácticas totalmente gratuitas e cun ratio de contratación ínfimo.

Que propón Sadamaioría no seu programa?
Un plan de actuación con varias medidas para loitar contra o desemprego. Unha delas, a construción dunha axencia local de contratación que intermedie entre as empresas da contorna e os sadenses en paro. É fundamental que non se privatice este servizo. Tamén imos reordenar o servizo municipal de emprego para ter un equipo permanente de formación e inserción laboral.

É o paro o maior problema hoxe en día en Sada?
Loxicamente, abordalo é para nós unha prioridade e por iso dito proxecto é unha das iniciativas incluídas no paquete de medidas a levar a cabo no primeiros tres meses de goberno.

O Plan Xeral (PXOM) non se aprobou finalmente. Que propoñen para desenquistalo?
Sen dúbida unha maior transparencia. Publicaremos do primeiro ao último os documentos do PXOM, explicaremos todos os cambios que se produciron neles e as razones polas que se fixeron. Unha vez analizado, establecerase un período de consulta para a cidadanía e determinarase se os mencionados cambios son susceptibles dun novo período de exposición pública.

Avogarán polo consenso do resto de forzas?
Si, non só co PXOM. Temos que aprobar os grandes asuntos co máximo consenso posible, esixíndolle a todas as forzas unha maior responsabilidade institucional.

“Representamos unha nova forma de facer as cousas, máis participativa dende o minuto cero”

Te puede interesar