Vázquez: “Imos intentar gañar sen poñer todo o noso potencial en xogo”

Deporte Campeón-2013-10-16-004-bd41366b
|

O adestrador do Deportivo, Fernando Vázquez, asegurou que o equipo que utilizará en Xaén intentará seguir adiante na Copa do Rei, pero sen poñer toda a carne no asador porque o importante é o torneo da regularidade, no que o conxunto coruñés é cuarto e recibirá o próximo domingo ó Zaragoza no estadio municipal de Riazor.

“Imos intentar gañar, pero non imos poñer todo o noso potencial en xogo. Non imos de paseo, imos poñer un equipo competitivo, xogadores que non están a participar porque veñen de lesión e os que non xogaron o pasado fin de semana para que collan ritmo competitivo”, indicou antes de emprender viaxe a terras andaluzas.
O técnico recupera efectivos respecto a anterior eliminatoria copeira, pero volveu botar man do segundo equipo para completar a convocatoria. Un máximo de catro xogadores con ficha do filial poderán coincidir no céspede en Xaén.
“É unha situación parecida á da anterior eliminatoria. Entran Marchena e Núñez, pero o resto é parecido, non hai moita diferenza na convocatoria”, apuntou. Onte, no último adestramento previo ao partido, ensaiou con tres centrais no esquema. É unha das opcións que manexa para o choque de Xaén.
“Pode ser de inicio ou como unha alternativa. Depende de como queiramos xogar. Se o adestrei, é porque quizais o utilizo”, comentou o técnico deportivista na sala de prensa de Abegondo.
Nela confirmou a estrea de Antonio Núñez coa camiseta branquiazul. Outra cousa será se como titular ou suplente. “Nuñez vai xogar. De inicio ou non, son decisións de último momento, pero se el quere e se sente ben vai ter minutos”, declarou.
E tamén os canteiráns poderán rodarse en Xaén. É o bo que ten este torneo.
“A Copa é unha oportunidade marabillosa para eles. Se algo ten positivo é que estes rapaces teñan minutos e poidan estar á altura dos profesionais”, dixo o de Castrofeito.
Vázquez baralla que o central Pablo Insua participe no encontro despois de non ter minutos coa sub-21.
O canteirán sumouse á expedición deportivista no aeroporto de Madrid. “Que non xogase nada coa selección é o que me leva a convocalo para este partido e quizais para xogar porque leva tempo xa sen facelo e pode que lle dea minutos”, sinalou o adestrador.
Haberá cambios no once porque sete dos titulares quedaron na Coruña e Lux estará no banco, pero o técnico confía en que o equipo manteña a dinámica das anteriores xornadas en defensa e progrese en labores ofensivas. “Espero que o equipo defensivamente se comporte igual, pero coa pelota ataquemos moito mellor. Non desvirtuemos o que facemos ben por facer unha cousa mal”, apuntou.
Xaén recibirá ó Deportivo en festas, algo que descoñecía o técnico. “Non creo que inflúa moito”, indicou o adestrador. O rival encara o choque despois de puntuar en Gijón, aínda que está en zona de descenso. “Non sei que partido espero, tampouco con que actitude e pensamento afronta o partido o Jaén, que en Liga está a pasar unha situación complicada. Espero un partido aberto”, dixo. n

 

Vázquez: “Imos intentar gañar sen poñer todo o noso potencial en xogo”