Estaleiros e empresas auxiliares galegas camiñan cara o naval 4.0

O naval galego busca converterse nun referente tecnolóxico internacional a partir da suma do esforzo de todos. Para iso, estaleiros e empresas auxiliares galegas centran os seus esforzos no desenvolvemento de tecnoloxías innovadoras, a través de diferentes iniciativas entre as que vén de activarse un novo acordo de colaboración con Aimen ao que o Goberno galego destinará máis de dous millóns de euros, no período 2015-16, ao sector naval co fin de impulsar o desenvolvemento de tecnoloxías innovadoras como centro do naval 4.0.
O acordo conta coa participación de Aclunaga, o Instituto Tecnolóxico de Galicia - ITG, Navantia, os estaleiros privados e o Colexio de Enxeñeiros Navais, e estará coordinado polo CIS Galicia. Deste xeito, poténciase a cooperación de empresas e centros tecnolóxicos para desenvolver tecnoloxías de fabricación da Industria 4.0, promovendo a modernización e a diversificación do sector cara novos nichos de mercado.  

Obxectivos
Entre os principais obxectivos, xunto á optimización das tecnoloxías xa existentes, atópase a definición de novas tecnoloxías de fabricación avanzada ao menor custo posible, así como a realización de probas piloto que permitan desenvolver e validar, en condicións e ámbitos produtivos reais, ditas tecnoloxías. Deste xeito, facilítase a transferencia tecnolóxica da innovación ao mercado, garantindo a súa adecuada implementación e incrementando a competitividade do naval galego. 
A aplicación práctica destes avances facilitará a súa inclusión nas ofertas internacionais presentadas polos estaleiros galegos, mellorando a súa capacidade e favorecendo a carga de traballo. 
Neste contexto, cómpre salientar que o acordo permitirá promover o acceso das empresas ás liñas de financiamento do Programa Horizonte 2020, abrindo novas vías de financiamento que permitan desenvolver e achegar ao mercado novas tecnoloxías.  
Así mesmo, a participación do CIS Galicia dotará ao sector dun espazo de referencia para levar a cabo todas estas actividades de demostración de solucións tecnolóxicas. 
O Centro canalizará as actuacións da Axencia Galega de Innovación no eido naval, prestando servizos a Navantia, aos pequenos e medianos estaleiros e ás auxiliares en ámbitos como a realidade virtual, co seu programa CAVE, ou a modelización, simulación e deseño 3D. Ademais, vixiará tanto as novas patentes que se poidan xerar como o desenvolvemento dos proxectos europeos que se acaden. 
Este acordo supón un paso máis na aposta pola innovación no naval galego que está a promover a Xunta. Un compromiso que se está impulsa a través de programas como o Innterconecta ou o Conecta Pemes, e coas Unidades Mixtas de Innovación, iniciativas que suman de modo conxunto 28 millóns de euros en 22 proxectos relacionados co sector.
Así mesmo, o convenio encádrase no marco da Axenda da Competitividade Galicia - Industria 4.0, coa que a Xunta aspira a modernizar a industria galega a través da innovación, establecendo novas fórmulas de produción que melloren a súa competitividade, e impulsando a fabricación de produtos diferenciados e de calidade. 
A Axenda ten unha clara orientación sectorial co obxectivo de reforzar sectores estratéxicos da economía galega como o naval, contribuíndo á súa diversificación e especialización así como ao seu impulso internacional.

Investimento
A esta folla de ruta destinaranse 120 millóns de euros nos dous primeiros anos do seu desenvolvemento, un investimento co que a Xunta aspira a reinventar a industria galega promovendo un modelo máis competitivo orientado cara a fábrica intelixente.
Deste xeito, impulsaranse distintas iniciativas que mobilizarán arredor de 500 millóns de euros ata finais de 2016 na procura dunha industria competitiva, intelixente e diferenciada, co obxectivo de fixar tecido industrial con capacidade para recuperar o emprego e xerar novos postos de traballo. 
Para isto, porase o foco nas necesidades concretas das pequenas e medianas empresas, parte fundamental do tecido produtivo galego, sen esquecer ás grandes empresas polo seu efecto tractor na economía e pola súa grande contribución á imaxe de Galicia.

Estaleiros e empresas auxiliares galegas camiñan cara o naval 4.0

Te puede interesar