As pemes galegas apóianse no asesoramento especializado para ser máis competitivas

Incorporar innovación e mellorar os procesos produtivos son pasos esenciais para reforzar a competitividade dunha empresa aec
|

Para obter mellores resultados, maiores vendas ou máis marxe no seu labor as empresas precisan traballar día a día para mellorar os seus procesos e produtos, incorporar innovación, e crear valor. E neste traballo continuo para incrementar a competitividade, tan importantes son os investimentos como o asesoramento e a potenciación das competencias e habilidades do capital humano das empresas.
Baixo esta premisa, o Igape puxo en marcha o programa ReAcciona, que busca reforzar a competitividade das pemes mediante servizos avanzados, tanto de profesionalización do capital humano como de desenvolvemento estratéxico, e complementa ferramentas como o Galicia 1000, mediante o cal se achega ás pemes financiamento adaptado ao tamaño, as necesidades concretas e a situación de cada empresa. 

Primeira fase
Na primeira fase do ReAcciona desenvolvéronse máis de 500 proxectos de mellora correspondentes a máis de 300 empresas que incorporaron novos sistemas e formas de facer as cousas para mellorar a súa competitividade. Así, facilitouse a implantación de proxectos de mellora en ámbitos como o financiamento, o relanzamento comercial, a planificación estratéxica ou a optimización dos seus sistemas de produción.
O 34 por cento das empresas participantes nesta primeira fase do ReAcciona solicitaron máis dun servizo para seguir un itinerario completo de mellora competitiva. Algúns dos sectores dos que se rexistrou máis demanda destes servizos avanzados foron os de transportes e turismo, TIC, agroalimentario ou manufactureiro en xeral. 
Entre os servizos máis demandados (25%) están os diagnósticos gratuítos para determinar os puntos menos fortes das empresas, como paso previo á solicitude dalgúns dos servizos específicos existentes para reforzar a competitividade da empresa.
A continuación sitúanse os servizos de desenvolvemento dun plan estratéxico de futuro para a empresa (16%), que inclúe acompañamento durante a implantación do mesmo, durante catro ou cinco meses necesarios para facelo.
Tamén foron especialmente demandados os servizos de optimización financeira, que serven para orientar ademais ás empresas cara os instrumentos financeiros, públicos ou privados, máis axeitados en cada caso.
Os servizos de mellora dos sistemas de produción e os destinados a favorecer o relanzamento comercial das pemes, que serven para orientalas cara os servizos ou instrumentos existentes para facilitar o desenvolvemento ou a internacionalización das empresas, foron igualmente ben acollidos.
Na segunda fase do ReAcciona, o Igape impulsará este ano a mellora da competitividade de arredor doutras 300 pemes, mediante diagnósticos gratuítos sobre o seu potencial competitivo ou coa implantación de proxectos de mellora á medida das súas necesidades, contando co asesoramento de expertos en cada eido da xestión empresarial. 
O programa ReAcciona está activado de xeito permamente para recibir, a través da web do Igape –www.igape.es/reacciona–, as solicitudes das empresas interesadas. 
Ponse así á disposición das pemes un conxunto amplo de servizos, facilitándolles a oportunidade de desenvolver proxectos de mellora en dous ámbitos principais: a profesionalización, para conseguir que os equipos de cada área funcional traballen de acordo con metodoloxías probadas e boas prácticas, en ámbitos como o comercial, financeiro, produción, calidade e imaxe corporativa, e o desenvolvemento estratéxico, dirixido ao equipo directivo ou á propiedade da empresa, de forma que dispoñan dun plan de futuro e unha metodoloxía de seguimento clara que consiga que a estratexia idónea se poña en práctica, e teñan á súa disposición ferramentas específicas para establecer redes de colaboración, lanzar áreas de negocio ou redefinir o negocio por completo e preparar a sucesión no caso de empresas familiares.

mercado laboral
Asociado ao ReAcciona, o Igape ten en marcha un programa de bolsas, ao que na primeira fase do programa se incorporaron 200 novos titulados para colaborar en proxectos de mellora ao tempo que se especializan en diferentes aspectos da xestión das compañías. E na convocatoria deste ano seleccionáronse 100 novos bolseiros. 
Máis da metade dos novos titulados que rematan o período da súa bolsa,  fixado nun ano, están a acadar emprego nese momento, ben nalgunha das empresas receptoras de servizos ReAcciona coas que colaboraron –unha media de tres empresas distintas–, ben na empresa especializada que os titorizou, ou ben nunha terceira empresa que valorou o seu currículo.

As pemes galegas apóianse no asesoramento especializado para ser máis competitivas