Juan A. Fariña | “Escribir pode resultar un exercicio obsesivo, pero é tremendo para a mente”

Juan A. Fariña | “Escribir pode resultar un exercicio obsesivo, pero é tremendo para a mente”
O edil Juan A. Fariña | pedro puig

Esta tarde (20.00 horas), o auditorio de A Senra, en Bergondo, acollerá a presentación de “As cartas de Abel”, a primeira novela do concelleiro local Juan A. Fariña. Unha historia de ficción con moita raigame no municipio.

Nervioso por esa presentación?
É unha cousa total e absolutamente nova para min e ademais é en Bergondo, así que si, un pouco.

Unha novela ambientada en Bergondo.
A ambientación é nunha parroquia de Bergondo, aínda que lle camuflo un pouco o nome, é unha licencia literaria. Contei coa colaboración total do Concello, desde o momento que llo comentei á alcaldesa brindouse encantada.

Levaba tempo dándolle voltas, pero cando viu que era o momento de poñerse en serio?
Xa tivera hai anos unha tentativa, pero despois quedou gardada nun caixón. Pero un día, hai máis de dous anos, nun lugar e nunhas circunstancias insospeitadas, marqueime unha data de inicio, o meu 45 cumpreanos. Traballei de forma intermitente no libro, marcándome obxectivos semanais e de forma disciplinada. Tiña a necesidade de sacar unha obra literaria para adiante. En realidade era un reto persoal, nin se me pasaba pola cabeza que puidera acabar publicándose.

Hai personaxes de Bergondo, o propio municipio é parte da novela... Se tivera que poñer porcentaxes, canto lle correspondería á realidade e canto á ficción?
A inmensa maioría é ficción aínda que se citan a Jacinta Landa e Vicente Viqueira, personaxes reais, pero todo o que lles pasa é invención miña. É certo que Vixoi, ou Vixoibre no libro, existe, e que alí había unha igrexa desaparecida, está constatado. Algunha vivencia persoal miña tamén está, pero  sería ficción nun 95%.

Jacinta e Viqueira, por que os escolleu a eles?
Parécenme unhas personaxes que atraen moito. Chego a equiparar a Jacinta ao seu marido, é aquela frase de “detrás de todo gran home hai unha gran muller”, aínda que sexa unha frase algo machista. Viqueira estaba chamado ao éxito na ciencia e na literatura, se a enfermedade lle tivese respectado.

Terá continuación esta novela bergondesa?
Non hai segundas partes para isto, pero teño algunhas ideas para outras novelas, pero non están para nada maduras.

Escribir é adictivo?
Si, ata obsesivo. Dedicas moitos pensamentos da túa rutina a iso, espertas pensando na historia... É un exercicio tremendo para a mente.

É unha tarefa que previsa de moita constancia.
Efectivamente. Ou te marcas unha disciplina ou nada. Eu de xullo a novembro de 2019 marqueime que tiña que saír un capítulo semanal. É certo que hai días que as musas te acompañan máis.

Venda o libro cunha frase.
Sería unha historia de amor con historia.

Juan A. Fariña | “Escribir pode resultar un exercicio obsesivo, pero é tremendo para a mente”

Te puede interesar