Unha cadea humana percorre a ponte das Pías polo futuro do naval ferrolán

Unha cadea humana percorre a ponte das Pías polo futuro do naval ferrolán
CIG CADENA HUMANA NAVANTIA

Máis de dúas mil persoas responderon onte, malia as pésimas condición climáticas, á convocatoria da CIG para formar unha cadea humana que uníu sen dificultades ambos lados da ponte das Pías. O acto redondeuse coa botadura simbólica ao ar de dous barcos, o “Diquesí” e o “Vetonón”, amarrados con globos.
A imaxe tivo como telón de fondo o estaleiro de Navantia Fene, no que se centrou boa parte do discurso da central sindical nacionalista para subliñar a falta de expectativas para estas instalacións cando quedan uns días para a caída definitiva do veto.
O secretario xeral da CIG, Suxo Seixo, sinalou que “estamos diante dunha factoría que simbolizou precisamente a puxanza desta comarca e que hoxe representa todo o contrario, a situación de desindustrialización e deterioración económica, social e laboral”.
O líder do sindicato nacionalista considerou que a situación do naval ferrolán é un exemplo “das nefastas consecuencias que tiveron para o país as políticas que viñeron da Unión Europea e do Goberno español, así como do entreguismo da Xunta”, e destacou que a central ten propostas tanto para este como para outros sectores como o marisqueiro, a construción ou o enerxético.
Desexou Seixo que a Xunta non se dedique á comarca de Ferrol o “absoluto desprezo” que amosou ante o debate no Parlamento galego da Iniciativa Lexislativa Popular que impulsou a CIG con máis de 30.000 sinaturas. “O PP nin asistiu ao debate”, comentou en referencia a aquela proposta, que incluía máis de 100 medidas para sair da crise.

desertización
Xunto a Suso Seixo estaba onte Xavier Vence, o portavoz nacional do BNG, que subliñou a importancia de mobilizar á cidadanía en accións que reivindiquen a urxente reindustrialización da zona. “Non podemos permanecer impasibles ante a desertización industrial de Ferrol”, dixo.
Nese sentido, indicou, o mellor é aproveitar as infraestruturas que ten a ría como son os estaleiros. Vence convidou a Mariano Rajoy e tamén a Núñez Feijóo a vir a Ferrol e explicar aquí “onde está o final da crise”.

dique flotante
Tanto o líder sindical como o representante da forza política reclamaron a construción do dique flotante e tamén subliñaron a necesidade de que se dote de persoal e medios ao estaleiro de Fene para que poida volver a competir no mercado da construción naval civil.
O secretario comarcal da CIG, Manuel Grandal, recordou que “xa o propio PP anda dicindo que non é viable o dique, contradicindo a Navantia, á SEPI e mesmo a propia Xunta” e reclamou medidas urxentes para que esta zona, onde a taxa de inactividade supera xa á de ocupación, “non morra de inanición”.
A partir das once e media, nunha mañá caracterizada pola choiva, o vento e o frío, centos de personas esperaban a cada lado da ponte das Pías para despregarse ao longo dos seus máis de dous quilómetros.
Na baranda da estrutura atáronse decenas de globos, os mesmos que despois suxeitaron os barcos de cartón no acto central e que, por falta de condicións, foron parar ao mar.
Entre as persoas que participaron na cadea humana de onte estiveron a viceportavoz de AGE no Parlamento de Galicia, Yolanda Díaz, e tamén a eurodiputada da mesma formación política, Lidia Senra.

outras reivindicacións
Ainda que o naval foi o eixo fundamental do acto convocado en solitario pola CIG, no mesmo houbo alusións a outros sectores en problemas como é o caso da siderúrxica de Megasa.
Entre os participantes estiveron os traballadores de SEMI, a empresa que fai o servizo de reparacións de averías de Fenosa en Ferrol, na que a dirección pretende recortar a plantilla, que pasaría de 18 a 9 empregados.

Unha cadea humana percorre a ponte das Pías polo futuro do naval ferrolán

Te puede interesar