Francisco Jorquera: “O Goberno da Marea caracterizouse pola inoperancia e o PSOE tampouco asegura un cambio en solitario”

El Ideal Gallego-2019-05-18-008-c7966a9e
|

O cabeza de lista do BNG para a Alcaldía, Francisco Jorquera, ten confianza en recuperar posicións na corporación municipal tralo esforzo feito pola edil Avia Veira. 

Como xurdiu o salto de Francisco Jorquera á política municipal? 

Primeiro porque mo pediron os militantes e simpatizantes do BNG e, incluso, persoas que non son do BNG me dixeron que si mo propuñan tivese disposición porque sería moi positivo para a cidade. Eu síntome honrado desta confianza que se deposita en min: creo que tanto no Congreso como no Parlamento galego defendín con honestidade e firmeza os intereses da Coruña e do conxunto da sociedade galega. E para min é un auténtico reto e unha honra poder defendelos de maneira máis directa, na institución máis cercana aos cidadáns.
 
Despois de ter pasado polo Congreso e o Parlamento galego, non lle quedará pequena a cidade? 

En absoluto porque no BNG non valoramos a política como unha carreira e, ademais, temos un sistema de valores distinto ao dos partidos estatais. Eles consideran que é un premio ir do local ao estatal e dende o noso punto de vista a política máis importante é a máis apegada á terra. Que mellor institución que o Concello para servir aos intereses dos meus concidadáns? 

Aos indecisos, que lles diría que vén a ofrecer o BNG? 

Creo que o BNG está demostrando que ten un proxecto de cidade e un programa moi serio e solvente avalado por unha traxectoria municipal moi rigurosa nos últimos anos. Avia Veira fixo un excelente traballo e presentamos una excelente candidatura cunha equipa preparada, con gañas, enerxía e ilusión para facer posibles os cambios que Coruña necesita. Máis alá diso, na miña opinión o BNG asegura un cambio real.

De que cambio fala? 

Eu vivo desde hai moitísimos anos nesta cidade, desde os 10 anos, por iso son 100% coruñés e palpo o pulso da cidade. Hai catro anos a Marea Atlántica tivo o mérito de xerar moitísima ilusión en milleiros de coruñeses pero o que estou palpando agora, todos os días, é que esa ilusión foi transformándose en decepción froito da súa inoperancia e ineficacia na xestión. O BNG é a forza política que pode transformar esa decepción na ilusión dun cambio transformador. Por exemplo, o BNG nunca vai propiciar un goberno de dereitas porque esa non é a alternativa que necesita a cidade. 

E seguir como ata agora? 

A cidade non se pode permitir catro anos de máis do mesmo porque se por algo se caracterizou o Goberno da Marea foi pola súa inoperancia e un cambio real tampouco o asegura un goberno en solitario do partido socialista. Eu teño moitísimo respeto persoal á candidata do partido socialista, incluso aprecio, e moitas das propostas do partido socialista parecen do BNG pero, en cambio, a experiencia indícanos que se goberna en solitario e non se ve obrigado a dialogar cunha tensión transformadora, á hora da verdade as súas políticas se aproximan máis ás do Partido Popular. Nese escenario o BNG aporta capacidade de diálogo e de chegar a acordos.

Entón, están abertos a crear un goberno de coalición co PSOE? 

Eu non falei de gobernos de coalición. En política é necesario separar etapas. Estamos en campaña electoral e todas as forzas teñen que explicar o seu programa e intentar recabar o máximo apoio para poder levalo a cabo. O BNG nesta campaña aspira a recabar os apoios necesarios para liderar a política municipal.

Parten dunha situación complicada para chegar a gobernar... 

Eu non son inxenuo, sei que partimos dun concelleiro pero cando falo de liderar a política municipal se pode liderar se o apoio dos cidadáns nos dota de capacidade de influencia. Iso sumado á nosa capacidade de traballo pode permitir determinar a orientación das políticas municipais. Despois do 26 de maio, en función do escenario que resulte, chegará o tempo de falar. Creo que é moi pouco previsible que algunha forza política acade os apoios necesarios para poder gobernar sen acordar. Hai moitas fórmulas posibles: non vamos a prexulgalas porque dependerá do resultado.

Todo o mundo coincide en que a edil Avia Veira fijo un bo traballo no último mandato estando ela soa. Cre lle iso lles traerá votos? 

Primeiro, eu estou convencido de que o traballo feito por Avia Veira é un activo e un plus que reforza claramente as nosas expectativas de voto. Por iso, síntome honrado de formar tándem con ela, malia que estou convencido de que non só vai a estar ela e vou estar eu senón que vai haber unha presencia do BNG máis significativa.

O xurdimento de tantas listas neste ano parece reflexar un descontento, cal é o caladeiro onde poden pescar máis votos? 

O BNG se dirixe ao conxunto dos coruñeses porque a nosa vontade é gobernar para todos. Cremos que aseguramos cambios; polo tanto aquelas personas que non son nacionalistas pero son galeguistas ou de esquerdas que consideren que esta cidade precisa cambios teñen no BNG a súa opción política. 

Hai catro anos apoiaron ou permitiron o goberno da Marea, lles ten decepcionado tamén? 

Decepcionounos e creo que decepcionou á maioría da sociedade. Dende que me elixiron levo un ano tendo interlocución con multitude de colectivos organizados na cidade e o que palpo é un sentimento de decepción xeral, que tamén palpo cando pateo barrios falando de ti a ti cos veciños e veciñas. 

Cales foron os erros? 

Que fallou? Dende o meu punto de vista a ausencia dun proxecto de cidade. Cando un se presenta ás eleccións ten que vir aprendido e creo que amosaron unha total e absoluta inexperiencia e incapacidade na xestión municipal. Tamén fixeron unha lectura errónea dos resultados de hai catro anos: eso levounos a pretender gobernar en solitario sen ter maioría suficiente, a non esforzarse en dialogar e chegar a acordos. Pese a que se presentou como un movemento cidadanista pecou logo de certa desconexión coa base social que lles deu o apoio para chegar ao goberno municipal.

Neste contexto, ve posible a entrada de novas forzas políticas en María Pita? 

Non son pitoniso pero creo que nunhas eleccións municipais o electorado, sobre todo, valora o traballo feito por cada forza política nese concello e as propostas e candidatos que se presentan. Esa é unha debilidade das forzas descoñecidas no traballo local.  

En contraposición, cal é o punto forte ou principal meta do BNG? 

Se tivera que sinalar unha prioridade esa é xerar emprego. Todas as políticas municipais teñen que estar orientadas a dinamizar a economía e xerar emprego. Ten que ser unha preocupación transversal e, dende o noso punto de vista, un concello non contribúe si confunde investimento con políticas de cemento. Consideramos que hai que investir na mellora da calidade do espazo urbano, en revitalizar os mercados municipais, fortalecer o pequeno comercio e os servizos públicos... Todo iso ten un impacto na xeración de emprego. Tamén consideramos que hai que ter políticas de vivenda pública ambiciosas e cambiar a política de movilidade. 

Moitos colectivos denunciaron una suposta parálise, a situación pode revertirse en catro anos? 

O que é fundamental é que en catro anos se reorienten as políticas municipais de cara a ese obxectivo. Estou convencido de que en catro anos se pode facer moito: por moito que haxa actuacións que hai que contemplar máis a longo ou medio prazo, os cidadáns vánnos votar porque queren resultados tanxibles e non promesas para futuros indeterminados.

Pensan en impulsar infraestruturas como a intermodal ou a ampliación de Alfonso Molina? 

A obra da intermodal non depende do Concello. O que ten que haber é o que non houbo nestes anos de incomunicación, falta de acordos e porse paos nas rodas entre os distintos implicados.

Mentres non se cree a área metropolitana hai que avanzar na prestación de servizos mancomunada

Jorquera opina que no novo mandato haberá que seguir pelexando por infraestruturas clave para a cidade dende una posición dialogante pero firme.

Cales son as infraestruturas nas que se van centrar? 

Si falamos de economía hai dúas cuestións imprescindibles para esta cidade. Unha é que o Estado asuma a débeda contraida polo Porto para construir o Porto Exterior porque non pode ser que sexa unha hipoteca para o futuro da cidade. O Estado ten que asumir a débeda igual que fixo co Consorcio de Valencia. E se fala moito do futuro dos terreos do Porto cando queden desocupados por mor do traslado ao Porto Exterior pero hai que ter en conta que unha condición previa antes de diseñar o futuro deses terreos é completar o traslado e, para iso, é fundamental completar o acceso ferroviario porque non hai porto que poida funcionar sen el. 

Un dos proxectos nos que están insistindo moito é o Distrito do Mar. Como llo explicaría de maneira sinxela aos votantes? 

É un diseño de futuro para os terreos do porto interior para que sirvan realmente aos intereses dos cidadáns e non sexan pasto das especulacións. Apostamos porque siga sendo un porto vivo aproveitando toda a súa capacidade produtiva pero no que atinxe a aqueles terreos que queden liberados hai que preservar a súa titularidade pública e que revirtan no interese social. As nosas prioridades son que haxa zonas verdes, equipamentos sociais e é unha ubicación idónea para cando se acometa a construcción do novo hospital. Tamén hai que resolver os problemas de movilidade a escala metropolitana e aí pode chegar o tren de cercanías e a lancha así como os buses metropolitanos, creando un intercambiador.

Que visión teñen os nacionalistas desa área metropolitana? 

Estamos a favor de que se cree pero é un proceso lento e complexo que require da participación de distintas administracións, no que ten que dar o visto bo a Xunta e aprobar o Parlamento. Mentres non se cree non podemos quedar de brazos cruzados: hai que avanzar na prestación de servizos mancomunada a escala comarcal. 

O BNG ten sido o único que mantén a petición do dragado da ría, ter máis votos lles daría posibilidade de facer algo máis? 

O que sempre fixo pero de maneira máis eficaz. Teríamos máis capacidade de incidir para que dunha vez o Estado e a Xunta deixen de enredar e acometan o dragado e tratamento de lodos para conseguir a súa rexeneración. A ría do Burgo ten unha capacidade produtiva total e absolutamente desaproveitada. Hai décadas daba traballo a más de 2.000 familias e hoxe a menos de 200. Ademais é un espazo medioambiental de extraordinario valor pero por desgraza segue a ter o récord de ser a ría máis contaminada de Europa. 

Por que tipo de industria apostan? 

O BNG aposta pola industria. Creo que un problema que vivimos na Coruña é que durante moitos anos se apostou por un modelo que deu as costas á industria e, por moito  que nas economías urbanas teña un peso determinante o sector servizos, para que exista forte é necesario ter unha base industrial potente e diversificada. Apostamos por manter a industria que hai pero tamén saudamos a Cidade das TIC.

Francisco Jorquera: “O Goberno da Marea caracterizouse pola inoperancia e o PSOE tampouco asegura un cambio en solitario”