Por contar a historia dun país de canteiros

El Ideal Gallego-2014-01-26-013-cade8b82

Dicía onte o arqueólogo Felipe Senén que nestes tempos nos que se mitifican as tecnoloxías e impera a cultura do espectáculo, “non vén mal baixar á realidade”. Facíao na entrega da Medalla de Ouro ao Museo do Pobo Galego por parte da Real Academia de Belas Artes, da que é membro numerario. O encargado de ler o discurso falou dun país de canteiros, de carpinteiros e arrieiros. En definitiva, de artesáns.
Grazas a eles, unha entidade como a ten a súa casa en Santo Domingos de Bonaval pode contar hoxe a historia de Galicia en base aos trebellos que foron pasando de xeración a xeración e que forman parte do DNI de cada un igual que a fala e o verde. Senén explicaba que “vivimos a remolque da prehistoria”. Da produción de pan e das vides, dos carros e das feiras. Do traballo do que brota o idioma e das técnicas que saíron entre cantos que falan de mouras e meigas “e que nos permiten como poucos pobos a reconstrución etnográfica e antropolóxica”, sinalaba.
Senén lembraba a un mago das formas coma Díaz Pardo capaz de inventar técnicas válidas para a vida presente, ao que fora presidente da Real Academia de Belas Artes, Chamoso Lamas, que pasou por riba da insensibilidade administrativa para gabar o traballo dos artesáns e a Castelao, cando pronunciou aquelo de “coa arte dos canteiros, seguiremos a construír pórticos da gloria”. Tamén nomeaba a Benigno Eiriz, Xosé Cambeiro e Elixio Rivas, que permitiron que o Museo do Pobo Galego teña representadas as comarcas de Bergantiños e A Limia.
Pola súa parte, o presidente do centro distinguido, Justo Beramendi, aseguraba que quen tiña que estar no estrado era Carlos García e agradecía a presenza do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, da concelleira Begoña Freire, e o reitor da Universidade de Santiago, Juan José Casares, entre outros. Contaba o responsable tamén que o que xurdira no restaurante Chocolate, collía forma da man de históricos como Xaquín Lorenzo, Díaz Pardo ou Del Riego para erixirse como museo en 1976. Equipado coas doazóns de fundacións, padroado, socios e artesáns para converterse nun museo de todos. Por iso, que o metal tiña que ser precioso.

Por contar a historia dun país de canteiros

Te puede interesar