Xosé Lois Romero e Aliboria presentan os latexos da terra no seu novo traballo

Xosé Lois Romero  e Aliboria presentan os latexos  da terra no seu novo traballo
Xosé Lois Romero e Aliboria nunha actuación

Un xeito de facer música tradicional, mais con composicións non tradicionais. É, a modo de resumo, o que ofrecen Xosé Lois Romero e Aliboria no seu novo disco, “Latexo”.

Se no seu primeiro traballo o corpus principal eran esas composicións tradicionais, neste novo disco quixeron darlle unha volta, “é unha forma de interpretar música actual”, conta Romero.

No disco, que acaban de publicar, pódense ver versións, como a doble reinterpratación que fan de Milton Nascimento en “Ponta da areia/María María”. Isto xorde, tal é como conta Romero, da súa “necesidade de convertir un xeito de cantar e de tocar, que hai en Galicia, non só para o repertorio tradicional, senón tamén para calquera música do mundo, para calquera estilo”. Optou por estes dous temas de Milton Nascimento “porque son icónicos, dous himnos de varias xeracións e empastaban moi ben co concepto que queriamos transmitir”.

Entre as novas cancións, Romero destaca a dobre reinterpretación que fan de dous temas de Milton Nascimento, “Ponta da areia/María María”

Dalgún xeito, o obxectivo era romper ese “muro de cristal” que fai pensar a moitos que “só se pode tocar determinada música”, ao tempo que apostaban “por outras músicas”. Isto vese no resultado final, xa que non se aprezan apenas diferenzas, “semellan do mesmo repertorio”, bromea Romero.

No tocante á tradición musical, é notable que en cada rincón do planeta é diferente, mais, en certo modo, “ten algo que ver con como latexa a terra nese lugar en concreto”, polo que, tal e como apunta o percusionista, a forma de tocar, “ten moito que ver coa terra, ese é un dos argumentos do nome do disco”. Pero, “poñéndome máis poético”, sinala Romero que o primeiro que escoitan os seres humanos “é o corazon da súa nai e a súa voz, son o elemento iniciático e a quintaesencia é isto que facemos nós, un coro de mulleres e toda a percusión tradicional galega que sabemos”.

 

Situación da tradición

Prodúcese, segundo a percepción do propio Romero, un paradoxo interesante, porque apunta a que no pasado houbo un “boom do folk” que xerou unha boa cantidade de grupos punteiros e que “inspirou” a inumerables músicos actuais, mais, na actualidade, “percibo que houbo un enroque dos roles, agora mesmo non hai tantos grupos punteiros, pero, en contraposición, existe unha vitalidade do folclore popular mellor que nunca”, di Romero.

“Hai quen fala de crise, pero a crise é en todos os ámbitos da vida, non só na música”, comenta, e engade que lle gusta como se está a asentar o folclore “a nivel de público, que é o que fai ese folclore”.

Neste senso de tradición e futuro, comenta Romero que nun momento no que a xente se preguntaba cal sería o seguinte paso do folk, “aparece un rapaz (Baiuca) que mistura electrónica e música tradicional como non se fixera ata entón e, ademais o interesante é que funciona, e funciona entre un público ao que o folk xa lle sonaba antiguo, nese senso, Baiuca é coma un catapultador da música galega cara o futuro, con compromiso co país”.

Curiosamente, tras publicar o disco hai escasos cinco días, comenta que tomarán o mes de marzo “de descanso”, antes de emprender unha serie de concertos onde presentar estes novos temas.

 

Orixes

Explica Romero que el tiña “unha teima” coa percusión tradicional, xa que non se tocaba no folk que se facía no país, “usábanse pandeiretas, por exemplo, pero non a inmensa e rica familia da percusión tradicional”, di. Chegado un punto, a xente comezou a animalo a que fora él quen fixera seu esta andaina de redescubrir á xente toda esa riqueza musical.

Romero comezou a dar clases para ver como respondía ao seu xeito de comprender a música. “Creouse un grupo excepcional de intérpretes” que deu paso, “automaticamente”, a Aliboria. “Hai que recalcar que a xente de Aliboria ten unha capacidade e un talento realmente excepcional”, engade Romero.

Xosé Lois Romero e Aliboria presentan os latexos da terra no seu novo traballo

Te puede interesar