ARTEIXO-“A rotonda de Sabón está moi mal feita, tería que ser a tres niveis e con outras medidas”

El Ideal Gallego-2014-12-26-018-829f9294_1

Silvia Seixas é a voceira do BNG de Arteixo, nesta entrevista fai un repaso por estes últimas catro anos de goberno do PP .

Como resumiría o mandato?
O das promesas incumpridas, falta de transparencia, censura, o da opacidade... A non participación, vamos, que o PP aplicou a Lei Mordaza antes de que a aprobaran no Congreso dos deputados.

Ao longo destes catro anos acusou ao PP de contratar a dedo tanto ás empresas como á hora de elixir ás persoas para os cursos de formación. Mantén esta acusación?
O manteño, un dos problemas que ten agora mesmo a administración no é a falta de regulación, é que as leis permiten en moitos casos que se cometan moitos excesos, que moitas veces non van na liña de mellorar os servizos, nin en aforrar custes. Non descubro nada novo se digo que todos os asfaltados que se levan feito foron un reparto entre tres empresas. E é demostrable, só se pedía presuposto a tres empresa que se van repartindo as obras  e é moi curioso ver as cualificacións que lles dan, vese perfectamente como nun asfaltado en Barrañán puntuamos aquí con catro puntos, pero na seguinte obra, non presentamos nada para que outra empresa poda presentarse e levar os catro puntos. Hai un abuso sistemático dos negociados sen publicidades, e dos contratos menores, é unha cousa tremenda. Cando hai que facer un procedemento aberto, vemos que as baixas nos prezos son moi importantes e vemos que en realidade as obras teñen moitas deficiencias por falta de control da administración. Hai un caciqueo constante ca contratación de persoal das empresas que levan os servizos municipais: están relacionados familiarmente con concelleiros, son apoderados e militantes do PP, familiares do persoal de confianza. O BNG leva pedido durante anos que os contratos que se fan con empresas, se teñen que contratar que se faga a través dunha convocatoria pública e por currículum, é dicir, se a empresa Cespa ten que contratar oito barrendeiros que o publiquen para que se presente xente, porque o pagamos todos.

En infraestruturas, pediron un informe á Xunta sobre a mobilidade da rotonda de Sabón. Solucionáronse as deficiencias?
Non. A obra está moi mal feita, non está feita con con vistas ao futuro. Debería ir acompañada doutro tipo de melloras no interior do polígono, e coa eliminación da peaxe, que é unha demanda histórica. Máis alá de eliminalo, o PP aínda ampliou a concesión, polo cal, cada vez é máis complicado. Debería ser unha rotonda a tres niveis  como estaba previsto, e con modificacións, que pedimos. Pero, é necesaria a mellora do interior do polígono e ten que estar apoiado có transporte público. Non é normal que nun polígono onde traballan 4.500 persoas non teña unha liña de transporte público. O das eivas na infraestrutura está demostrado, non o inventa o BNG. O outro día quedou atrapado un camión porque non está indicado que non poden acceder o nivel superior, e os transportes especiais, están saíndo en dirección contraria porque non teñen xiro, e que non o planificasen e que o alcalde calara a boca, parécenos un despropósito.

Unha opción que se plantexa na Cuarta Ronda é esa eliminación da peaxe. Van presentar alegacións?
Imos presentar alegacións, pero estamos aínda mirando cunha persoa experta. Non é unha cousa urxente ese vial, parece máis urxente para os promotores privados do polígono de Vío, que son os beneficiados destas infraestruturas que se fan con cartos públicos. Eu aplicaríalles a eses señores o de que non dan puntada sen fío, porque en todo momento o que se planificou foi para beneficiar a Vío en detrimento de Morás, que está abandonado, e co beneplácito do PP de Arteixo. Eu pediría unha ampliación do estudo, porque calculan o custo do peaxe en sombra para o transporte portuario ate 2045 que finaliza a concesión, pero agora mesmo xa se está modificando. Eu sentaríame coa empresa para negociar a eliminación total da peaxe. Non vexo problema en que os camións teñan que andar nove quilómetros máis en vez de destrozar máis o entorno.

Como cree que foi a actuación do goberno local respecto a estas infraestruturas ?
De sometemento absoluto aos intereses da Coruña, que marca a folla de ruta. É o goberno local da Coruña quen mangonea ao noso concello. Unha evidencia é que Arteixo segue sen ter representante no Consello do Porto cando lle corresponde por lei. É incrible que, co tema do tren sexa Negreira quen diga por onde vai ir. Non hai ordenanza aprobada do consello para dar licencias no Porto e se están dando.

Pero, Calvelo sí está no consello do Porto?
Pero está representando á Xunta, non ao Concello. Nada do que se fala no consello se trata no Concello. Hai unha opacidade total, descoñecemos a postura do consello có tren. Que van dicir da
Cuarta Ronda, que se está facendo coas descargas de carbón?... Se en maio cambia á cor da corporación, daríase o caso de que Carlos Calvelo podería seguir no Consello representano á Xunta, e non habería ninguén de Arteixo.

O BNG insistiu na falta de medidas coas descargas do clínker, pero dende o Porto din que todo está correcto...
Non é para nada certo, non sei se as medidas medio ambientais son poñer unha lona amarela, que puxeron cando o BNG protestou. Nós pedimos un circuíto pechado para as descargas de graneis sólidos. O Porto non está rematado, e descoñecemos se hai ordenanza de verquidos, por exemplo. Son unha serie de medidas legais que non se están a tomar.

O BNG fixo unha campaña contra o ROM. Despois de dous anos, cre que é tan malo?
É nefasto. Gustaríanos máis que o goberno se dese de conta da importancia da transparencia. Nós levamos mocións a dous ou tres plenos para que se dese acceso aos cidadáns aos orzamentos, que se retransmitiran os plenos en directo a través da web, que se colgasen os proxectos, que se intentasen tomar medidas de participación e o goberno foi todo en contra. Só vai o que eles queren que vaia a pleno e iso é o máis antidemocrático que hai.  Cando o goberno dáche un orzamento 48 horas antes, é para que non se coñeza, porque non podes nin convocar unha asemblea.

ARTEIXO-“A rotonda de Sabón está moi mal feita, tería que ser a tres niveis e con outras medidas”

Te puede interesar