Ideas que veñen directas de Brooklyn á rúa de Monforte

Copia de El Ideal Gallego-2014-03-29-013-0aab7300
|

Roi Fernández e Laura Villaverde mudaron Brooklyn pola rúa de Monforte, onde  amañaron un baixo abandonado, pero cheo de historia no tempo récord de sete meses. Unha vez de volta á casa e despois de mirar novos horizontes en Nueva York e antes en Alemaña e Gran Bretaña, a parella decidiu poñer a andar todo o que absorberan aló no espazo que deron en chamar Extramuros e que se asemella máis a un laboratorio onde a cultura se mete en probetas a ver que pasa. É así como a poesía non ten que ir necesariamente encasillada en recitais. Pode ser teatro, música e performance. E as clases de rock and roll mestúranse con milongas de tango. Eles falan do centro como o núcleo no que se producen distintas colisións artísticas.
O local con vistas aos Novos Xulgados é pola semana escenario de toda esa experimentación que levan dentro a cargo da compañía teatral ArtesaCía, que dirixe Laura, e a productora multimedia SrPause Cinescapismo, con Roi ao mando. Para converterse nas fins de semana nun escaparate do que fan eles mesmos ou os de fóra con invitados que están moi valorados en espazos minoritarios ademais de xente nova que opta por ir por un camiño alternativo.
Niso están agora os dous. O próximo proxecto dos innovadores ten que ver con facer cine en directo, mesturando teatro co documental que fixo Roi e que se titula “Valor”, porque “os documentais poden ter unha vida efímera”, explica Laura. Por este punto de Os Mallos, os produtos comerciais non se deteñen. Pasan de largo. Roi e Laura teñen activa unha rede de actores que conecta cos que interpretan papeis en Estados Unidos e que pasa por Londres. Isto permítelles que o que se respira no barrio norteamericano toque a península coruñesa e ao contrario. Que o que sae dese laboratorio cruce o charco. Para facer máis amplo o abano que ofrece a cultura aquí e acolá.
Por outra parte, Extramuros programa unha serie de cursos de formación onde se achegan técnicas actorais innovadoras como Suzuki View Points e teatro para nenos e adultos. Todo sen subvencións.
A tarefa de amosar que hai outro tipo de cultura é complicada, pero cada vez conseguen máis adeptos. Tampouco queren axudas económicas por parte dos organismos públicos, pero si un pulo para que os coruñeses poidan visualizar o que se fai no número 8 da rúa de Monforte. Un centro de creación profesional, onde traballan profesionais da escena, cinematografía e do deseño audiovisual con máis de dez anos de experiencia.
A pesar das dificultades, Laura di estar moi contenta. Turrando, que é a única forma de saír para adiante e coa colaboración de axentes culturais coma Yolanda Castaño, Mónica de Nut ou María Lado que espertan a curiosidade dos que queren algo máis do que vén nos programas oficiais. E buscan máis alá dos muros.

Ideas que veñen directas de Brooklyn á rúa de Monforte