Alternativa dos Veciños quere que os cidadáns entren na vida municipal

13 ENERO 2008 pagina 8 A CORUÑA.- ROBERTO MARTINEZ ANIDO SE PRESENTA A LAS ELECCIONES A PRESIDENTE DEL CLUB NAUTICO
|

O candidato á Alcaldía da Coruña por Alternativa dos Veciños, Roberto Martínez Anido "Bechi", asegurou hoxe que o seu partido busca a entrada dos cidadáns na vida municipal.

O partido debuta nas eleccións municipais coruñesas cunha bagaxe de 36 anos de confianza dos veciños de Oleiros, que en cada cita coas urnas apoian a Ángel García Seoane "Gelo".

Martínez Anido, que foi funcionario de Urbanismo e Interior e agora está xubilado, recibiu unha chamada hai tres semanas para presentarse ás eleccións do seu "amigo Gelo", ao que non foi capaz de dicirlle que non, segundo confesou hoxe nun almorzo organizado pola Asociación da Prensa da Coruña (APC).

Aínda que ao principio lle respondeu "que sí por amizade", pronto notou que os "partidos están afastados dos cidadáns" e "non nos barrios", aínda que estes días chegan "promesas imposibles", cada día "unha sorpresa nova", pero non está claro "de onde van saír tantos fondos".

Durante a súa intervención, considerou "un crime que tras 36 anos de democracia unha realidade económica e social como é a bisbarra da Coruña non teña o seu medio de expresión común", pois é a zona "máis puxante de Galicia".

No seu programa inclúe a "descentralización e participación cidadá" coa idea de que "cada concelleiro teña un barrio asignado e que estea presente nese barrio" "cos veciños organizados".

"O movemento veciñal para nós é vital. Debemos implicar aos veciños na vida municipal", apuntou, e avogou por un "cambio na forma de administrar" que sirva para "simplificar os trámites".

Unha das súas pretensións é "que se sanee dunha vez a ría do Burgo" e que non se especule "cos terreos que vaian quedar libres" no porto, que debe "volver aos cidadáns".

"O porto ten que volver aos cidadáns. O Estado gañou moito diñeiro e é hora de que o Estado nos devolva algo", dixo en referencia tamén ao cárcere, á fábrica de armas e a diversos cuarteis.

É a súa idea potenciar o "transporte público" con "grandes aparcadoiros disuasorios, sempre no subsolo", a "peatonalización do maior número de rúas posible" e "o uso de bicicletas".

"Necesitamos reducir os gastos superfluos para dedicalos a dependencia e ao emprego", apuntou sobre unha das prioridades do seu programa electoral, co que busca chegar ao Concello para exercer labores de control e facer a bisbarra máis forte. EFE

Alternativa dos Veciños quere que os cidadáns entren na vida municipal