Reportaxe | As empresas coruñesas súmanse ao novo modelo baseado na innovación

Reportaxe | As empresas coruñesas súmanse ao novo modelo baseado na innovación
A Coruña conta con empresas innovadoras e centros tecnolóxicos | pedro puig

Neste mundo globalizado e de mercados cada vez máis competitivos, as rexións que queiran impulsar o seu tecido produtivo e diferenciarse a través de produtos e servizos novidosos, deben cambiar o seu modelo e, sobre todo, facer unha importante aposta pola innovación e o investimento en I+D+i. Neste sentido, o tecido empresarial coruñés está sabendo adaptarse a esta nova realidade.
Galicia tomou nota e, nos últimos anos, encamiñou as súas estratexias cara este fin con iniciativas como o plan I2C que, cunha mobilización de 1.900 millóns de euros, axudou a consolidar un novo modelo de xestión do talento innovador, promover a investigación e fortalecer as estruturas existentes.
Para dar continuidade a este traballo e adaptarse á nova realidade, a Xunta puxo en marcha o Plan Galicia Innova, unha iniciativa que mobilizará 1.775 millóns de euros ata 2020 co obxectivo de impulsar a actividade económica e industrial, o que redundará na xeración de emprego e benestar social a través da innovación.
O plan ten tres retos: poñer en valor a investigación científico-tecnolóxica; mellorar a transferencia do coñecemento xerado ás empresas e á sociedade; e conseguir o retorno do investimento realizado. Deste xeito, inclúense medidas para os centros tecnolóxicos e de investigación, así como para os investigadores; iniciativas para a captación de talento e para fomentar as vocacións STEM; e accións para que as empresas galegas lideren a realización de proxectos innovadores.
Baixo esta premisa, o Goberno galego leva impulsado programas que intentan contar cun tecido produtivo que pouco a pouco vaia incorporando a innovación nos seus produtos, servizos e procesos. O obxectivo é chegar non só as grandes empresas, senón tamén ás pemes e micropemes, ademais de fomentar unha cultura da cooperación, mediante fórmulas como a colaboración aberta e público-privada. Tamén se aposta por potenciar a transferencia de coñemento desde os laboratorios ás industrias e, sobre todo, captar e reter talento.
Nestas diferentes liñas de axudas, A Coruña e a súa área metropolitana teñen unha importante presenza a través tanto de empresas innovadoras como dos centros tecnolóxicos Cetim (Centro tecnolóxico de Investigación Multisectorial) e o ITG (Instituto tecnolóxico de Galicia).
Un dos programas co que a nosa Comunidade foi pioneira son as Unidades Mixtas de Investigación, das que recentemente se publicou a quinta convocatoria e que, cando remate esta convocatoria, terá permitido impulsar 42 proxectos, principalmente en sectores como a automoción, alimentación, naval, saúde ou enerxía; mobilizar 121 millóns de euros e crear ou manter 550 postos de traballo.
Trátase dunha fórmula de colaboración público-privada na que empresas e axentes científico-tecnolóxicos traballan da man na busca de solucións innovadoras. A Coruña é sede de cinco destas Unidades Mixtas dedicadas ao eido das TIC –como as que desenvolven Gradiant con Netex, por un lado, e con Telefónica, por outro–; ao ámbito aeronáutico, coa participación do ITG; ao enerxético, cunha iniciativa de gas renovable con EnergyLab e Naturgy; e ao farmacéutico para o desenvolvemento temperá de fármacos, na que colaboran Laboratorios Esteve e a Universidade de Santiago de Compostela.
A través de iniciativas como Conecta Peme, posta en marcha en 2013, Galicia tamén xerou investimentos que superaron os 100 millóns de euros a través de 133 proxectos de cooperación nos que participaron 520 empresas. Este programa fomenta a agrupación de compañías para impulsar a I+D+i empresarial.

Innova Peme
Outro exemplo é o programa Innova Peme, que busca mellorar a capacidade innovadora das pequenas e medianas empresas para conseguir unha maior competitividade e internacionalización do tecido empresarial galego. A última convocatoria está a mobilizar 9,5 millóns de euros a través de iniciativas de case medio centenar de empresas, seis delas da Coruña e a súa área en eidos como a información e o coñecemento, a construción ou a madeira.
Desde a Xunta, ademais, trabállase na retención e captación de talento con programas como Principia, Oportunius ou Ignicia, ao que pronto se sumará Talento Senior.
Estas iniciativas pretende reforzar a capacidade de innovación de Galicia e tender pontes entre os organismos públicos de investigación e o tecido empresarial.
Sen esquecer o apoio ao emprendemento innovador que se realiza a través da rede galega de aceleradoras que xa leva permitido impulsar máis de 600 proxectos, algúns deles startups de éxito. l

Reportaxe | As empresas coruñesas súmanse ao novo modelo baseado na innovación

Te puede interesar