A historia popular de Arteixo súbese ao escenario

10 febrero 2013 / 07 abril 2013 página 16 Arteixo.- Fotografía del autor de "O mar de Arteixo e os seus naufraxios", Xabier Maceiras
|

Para os nenos que non camiñaban estaba o “rito de cortar a solta” en Armentón. Purificación García, veciña desta parroquia arteixá coñéceo ben e o próximo xoves explicará as xeracións máis xóvenes que era o que se facía.
Farao enriba do escenario acompañada de investigadores, historiadores, músicos, profesionais varios e máis veciños que foron testemuñas das costumes da terra. Portadores da cultura popular, das lendas e dos versos que antes se transmitían de boca a boca.
Todos eles formarán parte dun espectáculo que se celebrará o día 18 ás 19.30 horas no centro cívico de Arteixo. Unha compilación da historia do municipio que chega da man da Asociación de Escritores en Lingua Galega, a través do seu proxecto “Polofía”.
Unha proposta que chega dende a Sección de Literatura Oral da citada asociación e que comezou no 2007. “Dende entón se celebran con distintos ritmos. Ao principio facíanse máis, e o ano pasado fíxose unha en Lugo, e este ano, a única será en Arteixo”, di Antonio Reigosa.
Sobre o escenario subirase “a cultura popular, como calquera outro produto” máis habitual como pode ser o teatro.  Será un espectáculo “dinámico” no que a música correrá a cargo de Óscar Miranda.

Persoeiros
Para reunir a este amplo abanico de experiencias e historias, Reigosa explica que, no caso de Arteixo, o primeiro que fixo foi poñerse en contacto con Francisco Antonio Vidal, “que viviu moitos anos en Arteixo” e que tamén formará parte do elenco.
A partir de aí comezaron os “primeiros contactos con xente das aldeas de Armentón ou o Froxel”. O seguinte paso, era falar con entidades locais que aportaron o seu graniño de area como son Polos Camiños de Arteixo, Monte da Estrela e a Asociación de Xubilados e Pensionistas de Arteixo, que prestan unha serie de fotografías antigas que se proxectarán durante o acto.
E a partir de estes contactos “vas fiando” ata ter un bo número de persoas  como Manuel Caridad, de Armentón, como a propia Purificación García. Carmén Martínez, antiga percebeira; Carmen Furelos, recitador, Baldomero Capelán, poeta popular; as narradoras Pilar Añón e Josefina Souto. O historiador Xabier Maceiras (que falará sobre a historia do afundimento do “Priam”, o seu último traballo).
O construtor de gaitas Jesús Miranda; Xosé Iglesias, poeta e mariñeiro; a investigadora María Rozamontes (centrarase na toponimia); Gonzalo García, presidente da Asociación de Xubilados e o recitador Isidro Novo, e o xa citado Óscar Miranda.

Sentimental e cultural
Toda a posta en escea será gravada e subida ao arquivo da Asociación de Escritores en Lingua Galega. “O traballo de recollida é moi importante. Diso van vivir os historiadores futuros”, expón o promotor desta “Polafía”.
Pero, engade, tan importante como o seu arquivo para preservar as lendas, costumes e a propia historia, o é o “acto en si. Verase como é un conto de medo, un romance, unha variante dialectal... E é unha satisfacción grande” que se dea a coñecer toda esa información, subliña Reigosa.
Pero, esta proposta aínda cumpre unha función máis: a través de internet (unha vez que suban o arquivo gravado) “é unha conexión coa emigración, no plano afectivo e cultural”, indica Reigosa. n

A historia popular de Arteixo súbese ao escenario