Fernando Vázquez: “Iamos ter o público connosco e isto favorece ao rival”

pgfv (11)_18414984
|

Como din en Suramérica, e a Fernando Vázquez vaille como anel ao dedo, o ‘profe’ visitou onte as instalacións deste diario para analizar o momento actual e repasar tamén a súa traxectoria e filosofía de xogo nunha entrevista que terá tres entregas, a primeira, esta sobre os temas máis actuais.

En principio, xogarase a porta pechada, como o ves?

Non me gusta porque considero que para nós é unha noticia dura porque somos un equipo cunha afección impresionante e perdemos ese apoio. Ao principio falábase de tres partidos e eu dicía que por que non catro no canto de tres, porque se xogas dous en casa perdes un apoio chave. De inicio, creo que nos prexudica, pero nunca se sabe.

Ademais hai que mentalizar aos futbolistas para xogar nun estadio baleiro, como se fai iso?

Non teño esa experiencia. Pouca xente tena no fútbol nacional. Xogar a porta pechada é moi excepcional. Pero xa llo comuniquei aos xogadores, que imos xogar a porta pechada e temos que facer unha sesión especial. Os partidos que xogaron en Italia a porta pechada saíron nas teles porque é unha experiencia diferente, porque escoitas aos adestradores, os xogadores, o golpeo... É como un partido de pretempada. A sensación é rara. E ver Riazor baleiro... Non sei o que vou sentir, pero sei de antemán que iamos ter o público connosco e iso vai favorecer ao equipo que nos visita.

Eu creo que imos lograr o obxectivo a pesar do golpe ao mentón que nos deron

Hai medo no vestiario por caer enfermo?

Non, non noto. Eu sigo dando a man e abrazos a todo o mundo. Creo que hai un pánico excesivo. Ademais, en Galicia somos un reduto favorecido neste caso. Eu teño tres fillos, un neto en Madrid e tampouco están  súper preocupados. A nivel estatístico, é insignificante. O problema é que politicamente, a nivel estatal ou global poderiamos pensar en que pasaría se a epidemia fose maioritaria, colapsaríanse os hospitais. 

Chegados a este punto, pensas que debería aprazarse a xornada?

Eu creo que sería o mellor porque á fin e ao cabo, se seguimos pasos de Italia, é o que vai pasar. Para a competición sería o máis xusto.

A nivel de técnico, como acometerías estas semanas se houbese aprazamento?

Nese caso viríame ben porque me faltaron días de preparación e tería tempo para facer moitísimas cousas que necesito. Mañá pola mañá (por hoxe) chégame un xogador. Se me preguntas, estou máis polo aprazamento. Canto antes, mellor.

Ninguén dixo que isto fóra a ser fácil, pero aínda por riba non hai nin chisco de sorte: lesións, baixas importantes...

Dáte conta que fixemos unha remontada importante, pero hai que saber de onde viñamos e as expectativas. O que xoga moito no fútbol e que sempre considero moi importante é a afección, as súas expectativas, o que espera do equipo. Entón, que espera? Ao principio esperaba que saísemos, conseguímolo rápido. Eso é positivo ou negativo? Según como se mire. Agora estamos para disputar unha situación que antes parecía inimaxinable. Fixemos un partido malo, un erro, o partido co Almería, pero creo que vai ser unha excepción. Quero que a nosa afección sexa consciente de onde estabamos, onde estamos e ao que estamos. Estamos para tentar salvar ao equipo, estamos a competir con moitos e eu creo que o imos conseguir a pesar do golpe directo, ao  mentón, que nos deron en Almería.

Cando che meten a navalla onde ti es forte, como en Almería, doe máis

Girona, Zaragoza, Almería... os grandes. O normal nestes casos parece perder. 

Nós competimos co Girona e o Zaragoza moi ben. A Segunda é tan electrizante que a pesar de que algúns equipos teñan orzamento superior, xestionalo ás veces non che vai a dar que subas polo libro. Consideraba que podía gañar en Almería. Que pasa? Que o Almería tiña problemas, tiña que gañarnos e nós, en situación que controlamos e dominamos, un equipo  replegado como estabamos nesa situación, que me fixesen dous goles... iso moléstame moito. É ir un pouco ao corazón do que facemos ben. Así como en Zaragoza dous goles a balón parado ten algo máis de lotería, nesta situación estabamos  replegados, aínda que no primeiro tempo tivemos a pelota, e de súpeto, 2-0. Cando un equipo está  replegado e che meten a navalla ou o coitelo onde ti es forte dóeme máis. Nós facemos ben iso e de súpeto un equipo méteme dous goles estando onde tiñamos que estar. A segunda parte é outra cousa, subimos, presionamos alto e demos posibilidades a que o rival nos collese, pero o primeiro tempo é o que me doe. Non soubemos aproveitar a oportunidade de poñer ao Almería nervioso, tenso, e quizais nos entrase un pouco de pánico no descanso e xogamos sen control, e permitimos demasiado.

Catro faltas en todo o partido, que che di o dato?

Facer faltas non é positivo no fútbol. Hai que saber defender sen facelas. O outro día hai unha estatística de duelos dun contra un gañados ou perdidos e na xeral non estamos mal, pero ante o Almería somos penúltimos.

Claro que me preocupa Salva Ruiz; é moi duro para el

Asegura que o xogador, mancado de novo, víase para xogar o sábado

Aínda que non adoita personalizar, Fernando Vázquez nesta ocasión non dubida en abordar casos particulares de futbolistas branquiazuis que son de actualidade por diferentes motivos.

Salva Ruiz tivo que retirarse do adestramento de onte mancado de novo muscularmente... Preocúpache?

Pois claro que me preocupa, en primeiro lugar porque é un chaval extraordinario, que sempre quere estar. Hai unhas lesións que lle impiden facelo. Pensaba que ía estar para o sábado e para el é super duro. A lesión para o profesional fai que un xogador baixe na Bolsa. Se continuamente estás mancado as túas accións están tamén baixando. É moi duro para o rapaz e tamén para o equipo. 

Un dos temas máis controvertidos da tempada. Peru central ou mediocentro despois dos últimos partidos?

De momento seguirá de central; é posible que lle falte contundencia pero creo que no fútbol de alto nivel considero que ten máis posibilidades de ser importante de central que como mediocentro. Sempre llo dixen a el personalmente. No fútbol profesional Peru ten máis sitio na zaga. Penso que o pode facer moi ben na defensa. Ás veces está nun nivel extraordinario e outras, algo máis deficiente. 

Na túa opinión, que ves ao xogador no día a día, que lle pode estar faltando para obter maior regularidade?

Ten que estabilizarse e crer. Quero deixar claro que non lle estou roubando unha posibilidade senón que lle estou dando outra. Ao final ser polivalente no mundo do fútbol e tamén na vida é unha virtude, non un defecto.

Un lector do xornal transmítenos a seguinte pregunta: Hai ordes de arriba para que non xogue Borja Valle?

Borja termina contrato pero nunca na miña vida profesional un presidente me dixo esto ou aquello. Nin sequera Caneda —ironiza—. Na miña carreira nunca tiven eses problemas. Quizáis sexa un adestrador especial pero non se meteron na miña área.

Fernando Vázquez: “Iamos ter o público connosco e isto favorece ao rival”