Do pincel máis clásico ao comprometido

Do pincel máis clásico ao comprometido
José María Castellano, Carlos Negreira, Xesús Vázquez, Carmen Arias, Xosé Díaz e Mauro Varela .Quintana

fundación novacaixagalicia homenaxe a díaz pardo

Conta o fillo de Díaz Pardo que o que se pode ver na Fundación Novacaixagalicia é a colección máis importante do seu pai. Un total de 35 pezas que deixan ver o proceso creativo dun pincel que comeza a inspirarse nas premisas académicas e no clásico para adquirir pouco a pouco unha personalidade de seu e derivar en matices moito máis sociais.

Os fondos da nova entidade permiten ver ese diálogo de Díaz Pardo coa pintura que finalmente aparcou para adicarse a outras facetas. Dicía o conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez, que quizais porque adquiriu conciencia de país –a mesma que reflicte nos seus últimos lenzos– deixou de mirar ao caballete para mirar de fronte a Galicia. A mostra divídese en tres apartados, que están claramente diferenciados polos debuxos, os bosquexos e os óleos.

A distribución, sinalaba Xosé Díaz, permite contemplar tranquilo as fases creativas de quen primeiro levaba a súa impronta ao papel para logo perfeccionala coa pluma e finalmente materializar a idea nunha pequena pintura antes da definitiva. Na colección hai varios casos que confirman este procedemento así como obras que teñen unha especial importancia.

Xosé Díaz destacaba “A barca de Caronte”, “Os afogados” e “Bautizo” porque son tres exemplos de composicións que atenderon aos coñecementos que adquiriu en Madrid, na Escola de Belas Artes. A maioría das pezas pertencen aos anos 40 aínda que tamén hai posteriores cando se estableceu no Castro de Samoedo e realizou cadros de grandes dimensións cargados de aspectos sociais xunto aos que pariu na Magdalena, en Arxentina, onde o seu estilo pasou a ter un toque de inacabado, máis ben tirando a bosquexo para respirar do expresionismo e rachar cos canons académicos. Vázquez sinalaba que o lenzo converteuse así nun espello de sentimentos do que saían figuras humanas de ollos ben abertos que falaban sen ter voz. Dalgún xeito, Díaz Pardo meteu á sociedade nunha tela.

Comentaba o conselleiro que é imposible saber cal sería o límite de Díaz Pardo no caso de ter perseverado no seu diálogo coa pintura. Iso si, polo feito de abandonar pronto, Galicia contou co servizo dun grande nos campos das artes decorativas, na cultura e na industria.

Neste sentido, o responsable agradecía o feito por unha figura que “sempre tivo a ilusión e a intelixencia para abordar proxectos e a afouteza para comezar empresas a prol da nosa terra, da nosa xente e da nosa cultura”.

Pola súa parte, Xosé Díaz indicaba a importancia que teñen os bosquexos en todo isto porque “son a arquitectura da pintura” e neles están as primeiras intencións. Agora falta saber se Novagalicia Banco seguirá gardando nas súas tripas esta colección de obras. Neste aspecto, o fillo do xenio contaba con que este patrimonio permanecese en Galicia para desfrute de todos os galegos. Que continuara a ser accesible aínda que as obras pernocten no depósito da institución.

No acto tamén estaban presentes o copresidente de Novacaixagalicia, Mauro Varela; o presidente executivo de Novagalicia Banco, José María Castellano; o alcalde Carlos Negreira, e a delegada da Xunta na provincia, Belén Docampo, entre outras personalidades. Todos eles tiveron xestos agarimosos para Carmen Arias, viúva do intelectual.

Do pincel máis clásico ao comprometido

Te puede interesar