María Castro levará a décima gala dos Mestre Mateo polas crises máis sonadas

María Castro levará a décima gala dos Mestre Mateo polas crises máis sonadas

“Crise, que crise?”. Deste xeito, o audiovisual galego coqueteará na décima gala dos premios Mestre Mateo coa situación económica que se está a dar. Este será o título elexido para dar paso á festa do sector. A repartición de trofeos coa efixie do autor do Pórtico da Gloria. Neste aspecto, Palexco recibirá aos nomeados o vindeiro 28 de abril enfundado nun traxe de cabaré e a modo de musical.

O guionista Ángel de la Cruz conducirá o evento por todas as crises que afectaron ao longo da historia ao peto do pantalón pero nunca á imaxinación, que segue a xerar historias dignas de mención. Así o recalcaba o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Juan Carlos Fasero. Polo de pronto, hai varias favoritas na quiniela.

A serie de televisión “Matalobos” arrasa nunha quenda definitiva con quince trofeos posibles seguida en número pola longametraxe “Doentes”, que opta a trece estatuiñas. Ademais, a gañadora de dous Goya “Arrugas” poderá subirse ao estrado ata en oito ocasións mentres que a longa documental “Tralas luces” terá seis momentos de tensión, igual que a longametraxe para tele “Eduardo Barreiros, O Henry Ford Galego”.

Ante este panorama, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, alentaba ao sector da interpretación coa confirmación de novas axudas á producións audiovisuais en galego, que se farán públicas no DOG o día 18. O representante da Xunta destacaba o feito de manter a mesma asignación económica de 2,9 millóns de euros para advertir tamén que tocaba tempo de aguantar: “Vivimos un momento en que os orzamentos públicos son moi limitados. Non sei se tocamos fondo e se incluso haberá que facer máis recortes”, manifestaba Lorenzo.

Pola súa parte, a produtora executiva da gala, María Liaño, falaba dunha posta en escena protagonizada pola actriz María Castro na que lle tocará a todos bailar. Ata a Luís Tosar, que acudía onte á presentación no centro Ágora. Os discursos dos gañadores combinaranse cunha serie de sketches humorísticos aderezados de música e coreografías e tocado todo pola retranca, necesaria para darlle unha volta ao que está a pasar aí fora. No mundo.

María Castro sinalaba que cómpre tomar as cousas con humor porque o talento nunca está en recesión e ao final a historia e a tradición son dúas das catro patas da mesa. Dan certa seguridade. Nun campo de actuación, o galego, do que a intérprete non pensa desprenderse aínda que estea afincada en Madrid desde hai tempo. A temática cabaretiana será pois o fío condutor dunha celebración que puido ter como escenario o Colón se se fixera uns meses máis tarde. A responsable da área de Cultura da Deputación, María Faraldo, comentaba a posibilidade de celebrar a gala no auditorio nos vindeiros anos xa que nesta ocasión era imposible. A súa posta en marcha está prevista para antes do verán.

Pola súa parte, Fasero pedía a comprensión da Academia Galega do Audiovisual ante a tesitura económica actual e animaba aos galegos a acudir ao cine. Ademais, o vicepresidente do colectivo, Jorge Coira, explicaba que custou chegar a xuntar os recursos necesarios para montar a gala pero “estamos orgullosos de conseguilo e queremos celebrar todos xuntos que seguimos existindo a pesar da crise”.

Neste punto, o evento caracterízase por levar o patrocinio de numerosas empresas privadas e públicas, co Concello, a Deputación e a Xunta. Chama a atención, por exemplo, o respaldo dado por dúas Denominacións de Orixe, como son o queixo de San Simón da Costa e o de Arzúa- Ulloa.

María Castro levará a décima gala dos Mestre Mateo polas crises máis sonadas

Te puede interesar