Reportaxe | Trinta anos facendo cantar en galego aos auditorios

Reportaxe | Trinta anos facendo cantar en galego aos auditorios
O grupo contará ás 20.30 horas coa colaboración de músicos e cantantes

Toca actuar na casa e en Nadal. Para a voz do grupo, Belém Tajes, será a primeira vez que servirá directo aos seus e como peche da xira dos 30 anos e anunciando o que está por vir, Luar na Lubre rodearase hoxe ás 20.30 horas no teatro Rosalía de amigos. Cantará Irene Cerqueiro, a filla de Ana Espinosa, a que foi a primeira cantante do grupo e tamén o fillo de Bieito Romero, que toca a gaita.
Ademais, contarán cunha terceira voz, a de Irma Macías e cunha coral, a de Ruada nunha posta en escena que repasará os temas do último traballo, un recopiltario polo 30 aniversario que foxe das cancións mediáticas. Fabricouse coas relegadas, pero que están ao mesmo nivel de calidade. Tajes conta que para ela a desta noite é unha débeda por iso de que aínda non a escoitaron na súa cidade. Por iso, preparan sorpresas e panxoliñas e tamén un anticipo do que levan cociñando no estudio e que arrecenderá a Ribeira Sacra.
Até alí foron en outubro en busca de cantigas e sons: “Recollemos os sonidos do afiador e o arrieiro” ademais da natureza que reboza construcións como o mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil e os montes que se tinguiron de negro. Todo iso meterano nun pote que será tamén memoria, “dos moitos informantes que atopamos” e que sairá á luz no mes de maio. En canto o seu, Belém di que está aprendendo moitísimo “e encontrándome a min mesma” porque son as cousas que ten a música e Luar na Lubre permítelle viaxar por medio mundo cun nivel moi alto, que “me esixe moito de ser responsable coa miña voz”. Iso e o feito de que segue ao grupo desde que era cativa fai que aínda hoxe subir con eles ao estrado sexa unha sorpresa.
A verdade é que non paran. A proba está en que un día antes da actuación, veñen de Donosti onde Belém conta que cantaban “Camariñas” como se fosen morteños e por cousas así, a formación ten aínda máis sentido: “A xente canta en galego, respeta e participa. ‘Camariñas’ practicamente a sabían enteira” e para min é moi especial porque a miña familia é de alí”. Pasa que moitas veces lles pica a curiosidade e preguntan en medio do directo se hai galegos nas butacas: “Poucos levantan a man” e aínda así, o auditorio canta en galego.Viaxa entre músicas distintas e fai versións, de Emilio Cao ou aquela con Mike Oldfield.
O que construíron nun bosque e que publicarán en primavera seguirá dándolles corda. Será o número 19 dunha carreira que nunca se detén.

Reportaxe | Trinta anos facendo cantar en galego aos auditorios

Te puede interesar