Culleredo - “Confío en non ter que reeditar o pacto de goberno co PSOE”

|

El Ideal Gallego-2011-05-19-021-04d0a732

raquel jabares
candidata do BNG

entrevista de lucía tenreiro

Fala cunha paixón contaxiosa da súa xestión á fronte de Benestar Social, unha concellería construida sobre o convencemento de que Culleredo e Galicia necesitan solucións e non problemas ante una situación de crise económica sen precedentes. Raquel Jabares Fernández, candidata nacionalista á alcaldía cullerdense, defende o seu proxecto de concello coa ilusión de quen ten “as ideas moi clariñas”.
—Como afronta a súa terceira campaña electoral como candidata do BNG en Culleredo?
—Estamos moi contentos e moi satisfeitos da resposta da veciñanza, que dende o primeiro día está a superar as nosas expectativas. Ademáis, a militancia estase volcando na campaña porque cre no proxecto do BNG e porque está convencida de que tamén en Culleredo hai alternativa e futuro.
—Como se resume o seu balance de actuación no goberno municipal, en coalición con PSOE de Julio Sacristán?
—Fomos os últimos en asinar o pacto de goberno en 2007, precisamente porque tiñamos claro que a nosa labor era solucionar os problemas da xente e non crealos. Así, antes de firmar, pulimos escrupulosamente todas as nosas diferenzas e redactamos un documento que é público e que está aí para  poder comprobar que cumprimos ao cen por cento.
—Vostede sempre se queixa da falta de colaboración da Xunta de Feijóo. Por que?
—A colaboración do Goberno da Xunta no que estivo o BNG foi excepcional, o bipartito volcóuse con Culleredo, así que os dous primeiros anos deste mandato foron intensos, pero máis doados polo apoio que tiñamos. Os datos están aí: dúas galescolas, un centro de día... Estes dous últimos, supuxeron un esforzo maior porque tivemos menos cartos, pero en calquera caso seguimos a traballar polos nosos veciños.
—Estaría disposta a reeditar o pacto co PSdeG-PSOE?
—Confío en non ter que facelo e, a verdade, tal e como está indo a campaña, cada día estamos máis convencidos das nosas posibilidades de acadar a Alcaldía de Culleredo. Agora, de tódolos xeitos, a nosa preocupación é seguir dando conta do noso traballo no concello e das nosas propostas de futuro a todos os coidáns, parroquia por parroquia, , e non andar pensando en pactos ou non pactos.
—Cales diría que son as propostas máis importantes?
—O gasto social e o benestar. Neste momento, por desgraza, os problemas da xente son moi concretos: o paro e o non poder chegar a fin de mes polas dificultades económicas. Neste sentido, o BNG ten un compromiso firme cos servizos sociais, pasando dunha inversión dun 5% en 2007 a un 8,5%. O obxectivo é seguir incrementando esa porcentaxe de forma, porque a un veciño solucionalle máis un cheque de emerxencia social de 60 euros para afrontar o recibo da auga que non pode pagar nun momento determinado que nun gran estadio de fútbol.
—O BNG de Culleredo insiste na idea da sustentabilidade.
—Imos poñer en funcionamento unha central de biomasa que, por outra banda, vai contribuir á limpeza dos nosos montes.
—Como definiría o seu estilo político?. É o estilo do BNG?
—O BNG é unha formación cuns ideais moi clariños e creo que todos imos criados na mesma escola. Nese sentido, temos moitos exemplos, ao compañeiro Evencio en Carballo, Lores en Pontevedra, Allariz... Os veciños de todas estas vilas e cidades viven mellor e esa é a miña aspiración para Culleredo.
—Atrévese cunha quiniela?
—A única quiniela que fago é que o Depor seguirá en Primeira División.

Culleredo - “Confío en non ter que reeditar o pacto de goberno co PSOE”