A Festa do Polbo de Mugardos convoca a máis de 10.000 visitantes

|

Diario de Ferrol-2011-07-10-007-0fd8c81c

  redacción>a Coruña

  A XXI edición da Festa do Polbo volveu demostrar despois de dúas décadas o enorme atractivo da súa proposta. Só dúas horas bastaron para que as 4.000 racións de cefalópodo postas á venda no peirao mugardés deixaran á organización sen nada máis que ofrecer aos visitantes. Así, mentres o público dispuxo dos tickets ás 12.30 horas, e as primeiras racións comezaron a servirse ás 13.00, ao redor das tres da tarde a totalidade dos 1.350 quilogramos de polbo se repartiu, acompañada de cachelos, a un prezo de nove euros a ración. Tamén se consumiron neste breve espazo de tempo nada menos que 2.000 racións de empanada.

 


En canto á asistencia, os cálculos da Policía Local cifran entre 10.000 e 12.000 as persoas que asistiron a esta atractiva celebración gastronómica. Un dos máis sorprendidos e agradados polo éxito foi o propio alcalde mugardés, Xosé Fernández Barcia, que manifestou así as súas impresións sobre o resultado da cita. “Foi algo insólito –destacou–, porque este ano aumentáronse 200 quilogramos máis de polbo con respecto ao ano pasado.
Non é a primeira vez que se remata coas existencias, feito que xa sucedeu o ano pasado por exemplo, o que sucede é que noutras ocasións a oferta concluía máis tarde das catro, cando aínda había algunha ración, mentres que este ano ás tres da tarde xa estaba servido todo o produto. Haberá que tomar nota para a edición do ano que vén”.
Polo que respecta ás razóns deste éxito –material e organización á marxe– Fernández Barcia apuntaba á impagable axuda prestada pola climatoloxía. “Se o día fose de sol, seguro que algunha xente non tería vido, irían á praia. Pero o día tépedo e tranquilo axudou a que a xente se animara a vir a Mugardos”, confesaba a media tarde. Nese momento a vila aínda estaba ateigada de numerosos visitantes, que xustificaban o título de Festa de Interese Turístico para esta cita gastronómica.

Diario de Ferrol-2011-07-10-007-0fde0a42Diario de Ferrol-2011-07-10-007-0fe01ec6

 

Colaboracións > Club del Mar, o club de fútbol Galicia de Mugardos, a Rondalla Mugardesa, o Casino, a Asociación Cultural de San Xoán de Piñeiro e a cofradía Jesús Nazareno colaboraron co Concello de Mugardos na celebración desta cita que convocou a visitantes, non só locais o de Galicia, senón, como constataron desde a organización, de Madrid, Asturias e Castela-León.

Ademais do manxar preparado ao xeito mugardés (con refrito de aceite, cebola e pementón doce) a música animou o peirao durante toda a xornada. A charanga Kilomberos puxo a nota festiva, mentres que pola noite a verbena estivo animada pola orquestra América.

Diario de Ferrol-2011-07-10-007-0fda8ad7Diario de Ferrol-2011-07-10-007-0fdc7f12

A Festa do Polbo de Mugardos convoca a máis de 10.000 visitantes