Nun furancho onde se serve viño do país

Nun furancho onde se serve viño do país
Copia de El Ideal Gallego-2014-03-28-013-05c1c92a

O teatro galego convertía o escenario do Rosalía nun furancho onde o Agadic era un gintonic e María Casares, un champán do país. Con vistas ao público que son os que ao final o manteñen vivo e a un palco de autoridades no que estaba ausente o conselleiro Jesús Vázquez, pero si acodía a concelleira de Cultura, Ana Fernández, e o presidente do Agadic, Jacobo Sutil, a festa da dramaturxia outorgaba até catro xerras a “Eurozone”, de Chévere Teatro, incluida a de mellor espectáculo. Seguida moi de preto por “As do peixe”, de Abrapalabra Creacións Escénicas.
Con dous trofeos marchaba “Bye Bye Honey”, de Obras Públicas e Abrapalabra, e unha estatuiña levaban “Waltz”, de Voadora; “C´est la vie”, de Matrioshka Teatro; “A charca inútil”, de Teatro do Atlántico, e “As mil vidas de Matías Houseman”, de Teatro do Adro. A gala, presentada por Marián Bañobre e Isabel Risco, as propietarias do furancho, tivo ritmo de pandeiro –grazas á banda Radio Cos– e forma de reivindicación. De berros que saían por libre da mellor maquilladora, Trini F. Silva, quen dicía “basta xa” ao sistema actual e “non” á lei do aborto.
E se o encargado de dar o discurso, o xornalista Camilo Franco, pedía ao teatro que puxera ao mundo a andar, Xúlio Lago falaba en nome do mellor adaptador, Pazos Varela, e sentenciaba que isto era un desastre. A mellor actriz secundaria, Patricia de Lorenzo, sumábase á protesta contra a norma de Gallardón do mesmo xeito que unha Cristina Domínguez que saía do teatro coa medalla á mellor directora por “As do Peixe”. César Goldi acordábase das butacas de políticos baleiras que de seguro verían a celebración en diferido e Josito Porto lembraba unha marcha a favor da dignidade o pasado sábado da que pouco se informou. Ou se desinformou, dicía.
No que todos estiveron dacordo foi en poñerse en pé cando a xunta directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia facía unha homenaxe póstuma a Xosé Manuel Olveira “Pico” dándolle o premio de honra “Marisa Soto”. Daquela, a xente do teatro saltaba do asento para renderlle ao seu compañeiro un aplauso de minutos interminables. A un “actor enorme curtido en mil personaxes aos que enchoupou de emoción”, un funambulista, dicía Avelino González, pero, sobre todo, un compañeiro. Querido, respetado e admirado. El foi, contaba Josito Porto máis tarde, o que lle ensinara que os actores podían ser persoas normais. Por iso quizais o voceiro dos intérpretes aseguraba que un día de xuño todos miraron para arriba. Pampos.
O seu fillo Pablo recollía a distinción emocionado e a festa seguía cunha recta final que subía ao podio a Susana Dans, ausente, coma mellor actriz protagonista por “As do peixe”, e a Porto compartindo idéntica condecoración no apartado masculino por “As mil vidas de Matías Houseman”. Domínguez, con recompensa pola súa dirección en “As do peixe”, lembraba enriba a vez que foran gravar ela e máis Silde a unhas mulleres que saían falando do seu traballo, da súa vida e do que saía do seu corazón. Nese momento as dúas preguntáronse que facer con todo iso.
Foi Cándido Pazó, gañador de mellor texto orixinal pola obra, o que lles deu a receita cando sendo pequeno vía como a súa irmá Laura se erguía ás cinco da mañá para sacar a EXB nun curso a distancia que botaban na radio. Entón el xa estaba a vivir do teatro e pensou que algún día lle ofrecería algo a ela. A súa xerra chamábase Laura.
E a noite bañada de viño do país e aderezada de cuncas, dixo adeus co elenco de Chévere Teatro recibindo a medalla de mellor espectáculo por “Eurozone”. Nese intre, Xesús Ron falaba de apostar polo diferente. Por camiñar ao contrario dos demais e arriscar. Seguindo a premisa, o director adicaba o premio a un territorio “que é como é pola xente que vive nel”, e que cre no teatro cando os grandes concellos non o fan. Chévere berrou Teo e o furancho botou a verxa con aquela de “Vén bailar Carmiña”. Convencidos de que cunha arma como a dramaturxia, sempre serían “resistencia galega”.

Nun furancho onde se serve viño do país

Te puede interesar