SADA - “A fractura da dereita sadense desde o ano 2003 está a prexudicar moito ao concello”

SADA - “A fractura da dereita sadense desde o ano 2003 está a prexudicar moito ao concello”
El Ideal Gallego-2013-12-29-017-3a482c27

Dous anos e medio despois de abandonar a Alcaldía, Abel López Soto ve, desde a oposición, como fracasou a coalición de dereitas que lle derrocou tras ser o BNG a lista máis votada nas eleccións de 2011. Agora, coa minoría do PP no poder e o enfrontamento cos seus exsocios do PDSP, o portavoz nacionalista ve unha porta aberta ao diálogo no seo da corporación municipal.

Pediríalle un balance do ano, pero o máis interesante a nivel político sucedeu na última semana. Como valora o sucedido no goberno local?
O que pasou é que o PP e o PDSP nin gobernan nin deixan gobernar. O único que buscan é satisfacer intereses persoais e non os dos sadenses e iso tiña que romper por algún lado. O que está claro é que hai unha fractura clara na dereita sadense desde o ano 2003 e iso non fai outra cousa que prexudicar ao Concello e aos seus veciños.

As diferenzas entre os partidos que gobernaban xa levaban varias semanas aflorando, polo menos publicamente. Cre que o do coordinador foi a razón principal do desencontro ou que foi unha escusa que oculta algo máis?
Alguén pensa que o do coordinador estaría así de non ser pola postura do BNG desde o principio? Agora o PDSP deuse conta e celebro ese cambio de opinión. Buscaremos alianzas con quen sexa para evitar este tipo de tropelías porque é indignante que se traia a un amiguete para cobrar 70.000 euros ao ano.

Puido a PXOM ter tamén que ver coas diferenzas no goberno local?
O PXOM desde logo non é un exemplo de boa xestión nin de diálogo. E moito menos de participación cidadá, todo o contrario. Caracterizouse polo escurantismo. Tardáronse varios meses en coñecer cantas alegacións se presentaron. En canto ao que puidese pasar entre o PP e o PDSP, sería estraño que haxa diverxencias entre eles, pero non teño máis información que os rumores que hai na rúa.

Qué tipo de rumores?
Bo, iso son cousas que están aí e que evidentemente, nun municipio pequeno, óense moitas cousas. O que sería unha pena é que os sadenses pagasen todo isto.

Entón si puideron xurdir diferenzas neste sentido.
Sempre cualificamos este goberno como un equipo cheo de intereses persoais e personalistas e estase demostrando día a día. É unha cuestión de hexemonía do centro-dereita en Sada que deberían resolver. Nós, desde a oposición, faremos o posible, e con responsabilidade, para que Sada non se vexa prexudicada como si fixeron connosco, que non nos deixaron aprobar nada cando gobernabamos en minoría.

E antes do xa famoso 19 de decembro, que balance faría da xestión municipal?
Bo, deste ano e do que vai de mandato. O PP levou a cabo unha campaña moi agresiva demonizando aos bipartitos e con aquelo de que debe gobernar a lista máis votada. Está visto que aquí mentiron. Conformaron un bipartito inoperante. O meu partido, a estas alturas de mandato, ampliara a gardaría; fixera dous parques biosaludables; a pista de patinaxe; instalara a herba artificial no campo de fútbol; a iluminación na avenida da Mariña; logramos comprometer o diñeiro para a rehabilitación da Capela de San Roque... E iso unido á promoción do Sadautor, o festival de curtas, a Festa da Xiba... Todo en época de crise. Fixeron estes algunha obra? Só o coordinador. Teñen outra forma de facer as cousas coas que volvemos ás andadas de gastos e despilfarros dun goberno desnortado.
Unha das grandes noticias do ano foi o anuncio da conexión da Vía Ártabra e a inauguración doutro tramo. É unha batalla perdida a conexión coa autovía?
Non pode ser unha batalla perdida. Iso sería unha tremenda irresponsabilidade do PP porque agora mesmo non vai a ningunha parte. Se non hai conexión coa A-6 tiráronse moitísimos millóns. E o de conectar o porto... con quen? Con Meirás? Sempre dixen que máis vale un goberno eficaz que un goberno amigo. Este alcalde é incompetente e non o di só o BNG, senón calquera que se lle achegue.

Pasemos ao seu partido. En 2012 sufriu a baixa de dous concelleiros e gran parte da súa lista, que se marcharon a Anova. Como está agora o BNG de Sada? Logrouse a estabilidade?
A situación do BNG sempre foi boa en Sada. Somos a referencia da política local desde fai dez anos, algo que non é fácil de conseguir. O feito de que vivimos convulsións está aí, pero seguimos sendo a referencia. Non hai máis que ver que organización está día a día achegando alternativas. O noso blog e o noso Facebook son os máis visitados con diferenza e a xente traballa para o BNG coa máxima ilusión.

Vese candidato en 2015?
Co que está a pasar en Sada, non me perdoarían os veciños que me preocupase pola miña apetencia persoal. Pertenzo a unha formación que marca os tempos e tomamos as decisións colectivamente. Agora temos esa responsabilidade de máxima forza política e toca falar disto e de evitar as desfeitas deste goberno que padecemos. Pero direille que estou a disposición do meu partido.

Preocúpalle que se divida o voto nacionalista coa irrupción de Anova?
É que non teño bola de cristal para saber quen se vai a presentar, se Anova, Esquerda Unida, Compromiso por Galicia ou mesmo algunha outra lista independente... Agora gastamos os esforzos no que está a ocorrer porque hai moito traballo. Non podemos pensar en futuribles, non é a nosa preocupación. Somos unha oposición responsable.

Pero non descarta ser candidato? Perdoe a insistencia...
Repito que sempre fun unha persoa de organización e non me perdoarían que me metira agora nestes berenjenales porque agora débome ao encargo de ser o voceiro do BNG. No grupo municipal hai xente moi preparada e moi capacitada. Pero ese non é o problema do BNG, que ten os seus concelleiros, o responsable local ou mesmo os seus militantes, que están capacitados, desde logo moito máis que o actual alcalde. n

SADA - “A fractura da dereita sadense desde o ano 2003 está a prexudicar moito ao concello”

Te puede interesar