Benestar avanza nun plan de maiores centrado en persoas de máis de 55 anos

Benestar avanza  nun plan de maiores centrado en persoas de máis de 55 anos
Copia de El Ideal Gallego-2015-10-02-027-252ca27d

A Consellería de Traballo e Benestar está a avanzar actualmente na elaboración dun novo Plan galego das persoas maiores 2016-2020, que se vai centrar de forma especial no colectivo de máis de 55 anos, co obxectivo de que poidan manter a súa autonomía en condicións óptimas o máximo tempo posible. 
Así o adiantou onte a titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, durante a súa participación no acto conmemorativo do Día Internacional das Persoas Maiores que organizou a Confederación Galega de Organizacións de Maiores (CO.GA.MA) en Teo.
Alí, explicou que esta nova folla de ruta estase a redactar desde unha perspectiva de “planificación participativa e escoita dos colectivos implicados”, polo que Mato invitou aos asistentes a que achegasen á Xunta as súas propostas e demandas co fin de incorporalas a este documento.

un verdadeiro activo
“Os maiores poden e débennos aportar moito”, reflexionou. Por esta razón, apostou por consolidar e ampliar a súa participación na sociedade, para que “a experiencia que atesouran sexan un verdadeiro activo”.
Neste mesmo sentido, destacou a necesidade de seguir fomentando as relacións interxeracionais, dado que o intercambio de valores entre os maiores e a mocidade “faranos máis fortes”. Ademais, “é preciso tamén que vexamos o envellecemento en positivo, porque non é só unha etapa máis da vida, pode chegar a ser unha das máis plenas e felices”, considerou a conselleira.
Tamén apostou por seguir avanzando pola senda do envellecemento “activo e saudable” e da promoción da autonomía persoal, dado que é importante que as persoas vivan os máis anos posibles “libres de situación da dependencia”.

prevención da dependencia
Para avanzar en todos estes obxectivos, Benestar está a impulsar diversas iniciativas. Así, por exemplo, elaborouse a primeira Estratexia para a prevención da dependencia da historia da autonomía, que inclúe case 400 medidas ata 2020.
Ademais,  xa está en funcionamento a carteira para persoas en situacións de dependencia e estase a ultimar a das persoas con autonomía. “Grazas a este novo modelo de atención, os usuarios poderán acceder aos servizos que precisan, creando un traxe á medida das súas necesidades, ampliando e diversificando os servizos, e facéndoos máis eficientes e de maior calidade”, concretou Mato.
A estas actuacións, hai que sumar aquelas que se desenvolven nesta materia en colaboración con Sanidade. En concreto, elaborouse o Plan Marco de Atención Sociosanitaria e a Estratexia de Cronicidade.
“A calidade de vida dos maiores é, en definitiva, unha prioridade para a Xunta”, rematou a conselleira, quen engadiu que esta consideración debe estenderse a toda a sociedade.

Benestar avanza nun plan de maiores centrado en persoas de máis de 55 anos

Te puede interesar