Sogama renovou a súa páxina web nunha aposta pola calidade

medio ambiente Editado en galego e castelán, o novo sitio web de Sogama aposta por unha navegación máis simplificada, facilitando a rápida localización de temáticas de interese e ofrecendo os instrumentos necesarios para formarse no ámbito da xestión dos residuos urbanos.

redacción > a coruña
  Motivada principalmente pola mellora da calidade dos contidos en xeral, a pretensión dunha imaxe máis limpa, sinxela e agradable, así como por unha maior transparencia informativa e a adaptación ás novas tecnoloxías, Sogama renovou a súa web www.sogama.es, que xa está plenamente operativa.

Con carácter bilingüe (editada en galego e castelán), a pretensión desta nova páxina non é outra que a de achegarse á poboación con garantías, ofrecendo unha navegación máis simplificada, facilitando a rápida localización de temáticas de interese e, sobre todo, ofertando os instrumentos necesarios para que a cidadanía poida formarse no ámbito da xestión dos residuos urbanos e interiorice aqueles hábitos e prácticas que deben formar parte da súa vida diaria de cara a contribuír á necesaria redución da produción de lixo, á reutilización de materiais e, por suposto, á activa participación nos mecanismos de recollida selectiva. “Traballamos, Educamos e Actuamos por un Futuro Sostible” constitúe o eslogan deste novo sitio web e no que se aglutinan os grandes apartados nos que Sogama condensa o seu cometido.
Así, e mentres que no primeiro “Traballamos”, introducido polo saúdo do seu presidente, Luís Lamas, se ofrece unha visión de conxunto do labor desta entidade pública, explicando o seu cometido, describindo a súa identidade corporativa, así como a súa infraestrutura industrial, e proporcionando toda a información necesaria en relación á contratación pública, “Educamos” condensa todas as actuacións da empresa vinculadas á concienciación e sensibilización dos distintos sectores sociais en materia de medio ambiente.
Así, campañas, programas, recursos didácticos e visitas ás instalacións constitúen os ingredientes máis destacados deste epígrafe, de gran interese para comunidades educativas e centros de ensino en xeral.
Como novidade, a Sociedade inclúe un xogo interactivo de ordenador, pensado para todo tipo de público e de todas as idades, a través do cal os internautas poden formarse no ámbito da clasificación de residuos en orixe, á vez que se divirten e entreteñen.

Redes sociais > Desde a propia web, os usuarios poden enlazar directamente coas redes sociais de Sogama en Facebook, Twitter e Tuenti, bautizadas co nome “Por unha Galicia Sostible, Educación Ambiental Sogama”.
Mentres que as dúas primeiras están operativas desde hai aproximadamente un ano, a súa páxina en Tuenti entrou en vigor a finais de xaneiro do ano en curso, contando xa con máis de 2.000 seguidores. A súa firme aposta pola comunicación 2.0 fixo posible que Sogama lograra converterse nunha das poucas institucións públicas presentes de forma simultánea nas tres redes sociais máis utilizadas en España, intentando con isto aproximarse a un público diverso, con diferentes idades e perfís, así como con diferentes experiencias, enfoques e opinións acerca do medio ambiente en xeral.
Os comentarios e intercambios de punto de vista que a cidadanía realiza a través destes soportes interactivos contribúe en gran medida a coñecer o seu posicionamento en torno ás diferentes temáticas ambientais que hoxe máis preocupan (cambio climático, calidade da auga e do aire, residuos, etcétera), constituíndo para Sogama, e outras entidades do sector, unha información de gran valor de cara á súa estratexia empresarial e programas educativos.

Un xogo interactivo de ordenador

  Un xogo interactivo de ordenador promovido por Sogama e a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, está a contribuír a formar aos usuarios na axeitada clasificación de residuos en orixe a fin de mellorar os niveis de selección na nosa comunidade e, en consecuencia, incrementar as taxas de reciclado, aínda por debaixo da media estatal e europea.
Baixo o título “Separa para reciclar”, o xogo, que está a disposición dos internautas a través da páxina web de Sogama www.sogama.es, foi editado en formato Flash, sendo accesible desde calquera navegador web, propiciando con isto a súa posterior difusión.
O seu carácter formativo integra tamén unha importante dimensión lúdica, garantindo que, baixo o paraugas do entretenemento e a diversión, o usuario amplíe os seus coñecementos acerca do sistema de recollida selectiva instaurado nos municipios galegos adscritos a Sogama.

Tres niveis > Unha vez rexistrado, o usuario poderá acceder a tres niveis de dificultade nos que se recrean escenarios ficticios de Cerceda, municipio coruñés no que se ubica o Complexo Medioambiental de Sogama, onde se centraliza unha gran parte do lixo xerado no territorio galego.
É no nivel 1 no que se contemplan precisamente as dúas fraccións de refugallos sobre as que esta Sociedade centra a súa actividade: o colector amarelo, destinado a acoller os envases lixeiros (envases de plástico, latas e briks) e  que clasifica por tipoloxías para remitir aos correspondentes centros recicladores, e o colector verde xenérico, no que se debe introducir o lixo non reciclable, e que esta empresa  pública transforma, con todos os requisitos medioambientais e para a saúde pública, en enerxía eléctrica.
O nivel 2 incorpora un terceiro colector, o azul, para a recollida de papel e cartón, e o nivel 3, un cuarto colector, o iglú de vidro.  En ambos os dous casos, xestores autorizados designados polos distintos concellos son os encargados de garantir a súa posterior recuperación e reciclado.
Desde os bordes da pantalla van aparecendo, de forma dispersa, diferentes residuos que se moven automáticamente e que o internauta deberá recoñecer de inmediato, arrastrándoos cara ao colector correspondente, o que lle obrigará a trazar o itinerario a percorrer por cada tipo de material.

Sogama renovou a súa páxina web nunha aposta pola calidade

Te puede interesar