Unha cita de cinco minutos coa literatura

|

O libro pasou onte pola feira de Méndez Núñez nunha xornada na que o tempo respetou a devoción daqueles que gustan da lectura e que quixeron festexalo con máis alpiste en forma de páxinas. Alí entre o verde presentáronse de paxarita as novidades do mercado xunto aos best seller con máis tirón e as pezas selectas cociñadas para gourmets da literatura. As que teñen o don de que non resesan co tempo.

Os de Almudena Grandes e Eduardo Mendoza achegáronse orgullosos de seren os máis vendidos. Tamén o de Sarah Lark, que fala dunha canción dos maoríes e o de Nieves Abarca, que ten como escenario o parque de Eirís. Deste xeito, os libros viron desfilar desde puntos estratéxicos a decenas de coruñeses que percorreron as dez casetas na busca dunha nova historia.

día do libro sinaturas, recitais e manifestación

Alí o presidente da Agrupación de Libreros de A Coruña, Juan Carlos Sanmiguel, dicía que o evento estaba dando resultados satisfactorios e que se ben o xoves e o venres, o mal tempo fixo que os coruñeses deran un paso atrás e quedaran na casa, foi durante a fin de semana cando recibiron máis visitas, sobre todo, antes de que dera comezo o clásico.

Sanmiguel destacaba o feito de que este ano foi o colectivo libreiro o que sufragara todos os gastos e que por iso tiveron que reducir as actividades. Foron menos pero as que houbo gañaron en calidade. Deste xeito, os cidadáns tamén desfrutaron delas aínda que o frío foi un handicap en contra e neste sentido, o representante dicía que era necesario mellorar a infraestrutura para favorecer a participación: “Fue un toma y daca”, explicaba, de cinco días nos que os tendeiros pecharon os chiringuitos contentos despois de que o Concello distinguira aos máis intrépidos lectores das Bibliotecas Municipais con premios.

Así foi coma todos, libreiros, libros e consumidores, acudiron a iso das sete da tarde ao Obelisco para protagonizar unha manifestación pública a favor da lectura. Por un momento, os afeccionados deixaron de ler en silencio para facelo en alto. Durante cinco minutos máxicos nos que cada un deu en contar aos demais un fragmento especial. Ou simplemente o que tocaba para esa noite. Cando a novela deixa a súa posición estática enriba da mesiña e pasa a ser xeradora de emocións.

Neste aspecto, o editor Manuel Arenas confirmaba que si aumentaran as vendas nestes días con Norton, Lark e Savater encabezando un pelotón que se completaba cun variado de títulos. Sen que houbese claros gañadores. Logo estiveron, sinalaba, os que mercaron exemplares dos libros de Valeria Palombini, López Valcárcel, colaborador deste xornal, e Ignacio Bermúdez de Castro.

Os tres sentáronse no trono nun minidía do libro, dicía Arenas, que continuou pola tarde cos relevos de Manuel Álvarez, Xosé Fernández, Paz Gago e Arturo Franco nunha semana na que todas as publicacións con tapas tiveron un 10% de desconto e a libraría condecoraba cun lote de volumes para aos que sobrepasaban os 25 euros de gasto.

Ademais, o Día do Libro fixo parada na biblioteca González Garcés para ser bookcrossing, isto é, unha liberación de títulos masiva para que todos puideran facerse cun exemplar nunha festa tan especial que se celebrou na Provincial cun taller de marcapáxinas personalizados e unha mostra bibliográfica con visita guiada incluida.

A palabra tocou a porta do centro Ágora da man de Lino Braxe e a eslovena Veronika Dintinjana, que confrontaron os seus versos nun recital para falar da vida e a morte. A escritora púxose do lado da parca, acostumada a estar preto dela polo seu traballo de cirurxiá, e o galego defendeu a paixón da que respiran os seus versos para rezumar vida. Na casa museo Pardo Bazán, os protagonistas foron os cidadáns, que leron microrrelatos creados para a ocasión a partir tres palabras escollidas dos textos que deixou dona Emilia como legado nun espazo de 24 horas onde a Escola de Idiomas organizou un rastrillo de libros solidarios a favor da Cociña Económica e o centro comercial Marineda City quixo achegar aos máis pequenos a maxia das letras nun contacontos a cargo de Pizpireta e coa sinatura do autor Alfonso García de “Las 1001 preguntas que todo abuelo debe saber responder”. Foi así como o libro acabou o día coa sensación de que goza do respaldo do seu público.

Unha cita de cinco minutos coa literatura