ARTEIXO-Os Revenidos suman catro lustros en Arteixo ofrecendo humor con boa música

ARTEIXO-Os Revenidos suman catro lustros en Arteixo ofrecendo humor con boa música
Os Revenidos son Javier Nájera, Rubén Martín, Bernardo Pita, Román Suárez e Manuel de Eva juan luis Rúa

Comezaron facendo bromas coas cancións tradicionais que tocaban en Xiradela. Eran uns rapaces con gañas de pasalo ben e vinte anos despois, case non hai festa en Arteixo sen eles. Os Revenidos son sinónimo de cheo cada vez que se soben a un escenario do seu pobo natal porque a fin de contas “a xente ten ganas de rirse, de pasar un rato agradábel”, afirma o seu cantante e letrista Manuel de Eva.
 E como logran ese espectáculo de humor e música? Con melodías de cancións moi coñecidas que van desde os “hard roqueiros” AC/DC ata os ritmos de Beyoncé ou o clásico Raphael, pero cunha letra peculiar: por exemplo cambiar un “Live is life” de Opus por un “Beige is Beige”. E toda unha declaración de realidade cando din iso de “quero ser Son Goku e parezo krilin” en honor a “Smooth Criminal” de Michael Jackson.
E se a súa orixe musical está neses anos de Xiradela, o seu nome tamén. “O alcume do avó dun de nós era Revenido e así quedou”, explica De Eva, que xunto con Rubén Martín (baixo) levan desde o principio con este proxecto. A formación musical complétana Javier Nájera (batería), Bernardo Pita (guitarra) e Román Suárez (teclado).

“Parvadas entrecomiñas”
“Eu non son músico, non teño formación, pero si certa facilidade para que se me ocorran as parvadas, entre comiñas”, asegura De Eva. Xunta el, uns bos músicos complementan un espectáculo, onde “non se descoida a música”, que a fin de contas e a parte fundamental dun bo concerto.
A súa próxima actuación será na festa solidaria de Fin de Ano. Cumprirán cos clásicos que triunfan en Arteixo, como ese “Pongamos que hablo de Larín”, ao estilo Sabina, ou esa outra da “Palomita pechugana”, un tema do que non cambiaron nin unha coma, e é un tema orixinal da orquestra Breogán.
“Nós non temos discos físicos, temos discos imaxinarios e o día 31 presentaremos o noso sétimo” traballo, apunta De Eva. E para a ocasión traerán novas versións e ata incluirán unha sección de vento, con trompeta, trombón e saxo, para “darlle un aire distinto”, enuncia.
Se alguén aínda ten dúbidas de se acercarse ata a carpa que estará detrás do concello esa noite, De Eva o ten claro: se un “quere rirse, gozar de música ben feita. Dun espectáculo de humor”, deberían apuntarse a esta festa (e ademais a recadación do bochinche irá a parar integramente a Cáritas gracias aos comerciantes). Unha cita onde nos faltarán os exercicios “absurdos ás veces” ou as “letras divertidas” e sobre todo orixinais.
Porque, quen nunca os viu, “vaise sorprender” –só hai que botar unha ollada polo YouTube e ver algunha das súas actuacións–. “Porque todos temos versións de nós mesmos: do día a día e a de tres viños, e iso é o que pasa cos Revenidos”, expón o seu cantante.

ARTEIXO-Os Revenidos suman catro lustros en Arteixo ofrecendo humor con boa música

Te puede interesar