Os runners máis comprometidos co idioma

El Ideal Gallego-2015-05-15-011-5324d64b_1
|

Manuel María escribiu un día que “o idioma é a patria, a esencia máis nosa, a creación común meirande e poderosa” e baixo esta consigna do poeta da Terra Chá, preto de 4.000 voces falaron onte en galego na decimoquinta edición do Correlingua, que partía do pavillón dos deportes para sumar convencidos de que non hai maior tesouro que ter un idioma de seu. Por estaren orgullosos del, os pequenos de todos os ciclos educativos da cidade e a comarca iniciaron unha marcha pola beira do Atlántico portando pancartas a prol da lingua até chegar ao pé da Torre onde un Xurxo Souto, autor do himno que lle pon música a esta iniciativa, os recibiu para rematar a proba nunha festa.
Alí, leuse o manifesto deste ano e no mesmo lugar onde os romanos plantaron un faro, os pequeños poideron gozar da música de Bocinazo, o grupo gañador do Cantalingua e repartíronse os premios patrocinados por Óptica Cambre do certame de pancartas e animación durante o percorrido da carreira. O Correlingua atravesou o mapa de Galicia a través de doce marchas polo idioma nun xeito divertido de espertar conciencias, que comezou co principio do curso, cando os nenos xogaron a discorrer posibles lemas para a cita.
No segundo trimestre, os cativos déronlle forma e reflexionaron sobre a situación do galego creando argumentos para defender o seu uso. Xa na recta final, botáronse á rúa para reivindicar a súa importancia. Medio cento de centros daban boa fé onte disto na cidade.

Os runners máis comprometidos co idioma