O décimo Festival de Cinema Fantástico xirará en torno ao sexo, á provocación e a censura

O décimo Festival de Cinema Fantástico xirará en torno ao sexo, á provocación  e a censura
Os codirectores e os responsables das institucións presentaron onte a décima entrega | patricia g. fraga

A décima edición de FKM, Festival de Cinema Fantástico da Coruña traerá do 13 ao 21 o mellor dos xéneros fantástico, ciencia ficción e terror para rematar o día 31 coa súa tradicional zombiewalk. Xunto aos codirectores de FKM, o concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, e a directora do Museo de Arte Contemporáneo, Carmen Fernández, presentaron onte a programación xunto á directora da Fundación Seoane, Silvia Longueira. Os tres falaron da consolidación dunha cita que naceu sen apoios e foi medrando pouco a pouco até converterse en dez xornadas, que xirarán en torno ao cinema fantástico con decenas de actividades. Ademais de proxeccións de longametraxes FKM acollerá un completo mosaico de ideas con mesas redondas, conferencias e obradoiros con algúns dos representantes do panorama nacional e internacional deste xénero cinematográfico.

Segundo Tonecho Otero e María Núñez, codirectores do FKM, a décima entrega do FKM está dedicada ao sexo, á provocación e a censura e estes temas poden atoparse nas películas seleccionadas así como no resto de eventos. Haberá unha homenaxe dentro desta temática ao director de cine, pintor, grafista e escritor polaco Walerian Borowczyk. Continúan as clásicas seccións competitivas (Fetus, Curtas, Opera Prima) e as non competitivas (Sen Límites, FKM Play)”.

Entre as novidades deste ano atópase o I Foro De Coprodución Internacional, FKM-Works, unhas xornadas especializadas en produción e distribución de cine de xénero. Terán lugar no MAC, Museo de Arte Contemporáneo-Fundación Naturgy da Coruña o vindeiro 15 de outubro, de 10.00 a 14.00 horas. A inscrición é gratuíta.

Destacan tamén as estreas de Mandy (Panos Cosmatos) e Clímax (Gaspar Noé), ademais da proxección da versión restaurada en 4 K do clásico de culto “Liquid Sky e November”, de Rainer Sarnet. Neste FKM tamén estreará a súa última curta de Olga Ossorio, “Mouras”, e recordaranse os 25 anos de “La Matanza caníbal de los garrulos lisérgicos”, de Toñito Blanco.

O festival verá o primeiro pase mundial da longametraxe galega “Sea Best” e, ademais, estarán a impartir masterclass Jordi Costa, de crítica cinematográfica e Pedro Rodríguez, de maquillaxe de efectos especiais e visitará o festival Paco Plaza, entre outros.

O fantástico deixará de rodar o 31 de outubro. Antes, haberá unha nova convocatoria da tradicional zombiewalk dedicada este ano a Amando de Ossorio no centenario do seu nacemento. De novo os zombies do FKM inundarán a cidade nun percorrido que chegará ata o Campo da Leña e o equipo de maquillaxe do FKM caracterizará de zombies a todas aquelas persoas que queiran participar.

O décimo Festival de Cinema Fantástico xirará en torno ao sexo, á provocación e a censura

Te puede interesar