Reportaxe | As artes renden tributo ao que enriqueceu o mundo coa “nosa diferencia”

el ideal gallego-2019-04-02-036-da4c3dcf
|

“Vou contar un pouquiño o que significou a varios niveis” porque Luís Seoane abarcou tantas áreas que a laudatio que leu onte Xosé Díaz no seu día e no teatro Colón foi tarefa complicada. 


En algo menos de media hora desgranou a vida e facetas de quen portaba lentes de pasta e que non puido ter mellor compañeira de viaxe que Maruxa. Con ela, de seguro que todo lle resultou máis doado e da súa “destacadísima actuación como activista no exilio, na política, pero, sobre todo, no cultural” falou o fillo de Díaz Pardo nunha tarde na que se lembrou a súa laboura xigantesca pola dignificación da cultura galega no exilio. Algo que non abandonou unha vez que colleu o barco de volta. Precisamente, xa na Coruña pariu o que maquinou en anos e saiu un Laboratorio de Formas, no que é imposible non imaxinarse a Seoane sen Isaac nin tampouco a Isaac sen Seoane. 


Díaz contaba onte que foron dúas vidas paralelas cunha gran conexión, “complemetábanse ben” e co que mastigaron entre os dous modernizaron o país, “o seu traballo foi a posta en día das formas significativas da cultura galega, sincronizar a cultura e a historia co seu tempo”. 


Nese punto, Díaz recorda unha frase de Seoane na que confesaba as súas intencións: “Nós queremos enriquecer o mundo coa nosa diferenza” porque frente á unificación das formas, el suxería a importancia de beber das raíces “non dun xeito anecdótico e folclórico”, senón levando todo aquilo ao contemporáneo. 
Contaba Xosé Díaz no seu discurso “Significado de Luís Seoane no contexto da cultura galega do século XX” que Seoane foi un autodidaca e que a base do que aprendeu tivo que ver con aquela Compostela republicana dos anos 30 e todo o fragor a nivel cultural e político que se respirou alí. 

Acto
O “Día das Artes Galegas 2019” dedicado este ano a Luís Seoane López (Bos Aires, 1910 – A Coruña, 1979), serviu onte no teatro para profundar e difundir a súa figura como teórico da arte, creador, deseñador, caricaturista, debuxante, ilustrador, pintor, gravador, muralista, editor, escritor, xornalista e promotor cultural e industrial. 

O evento, organizado pola Xunta, Deputación e Concello, tivo o acompañamento musical do pianista Brais González como punto de partida dun acto que presentou Santiago Fernández, e no que tamén interviñeron o presidente da Academia, Manuel Quintana Martelo, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada; o presidente da Deputación, Valentín González Formoso; o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro; e o presidente da Fundación Luís Seoane, José Manuel Sande. 
Quintana Martelo falou de Seoane como “un creador de formas, teórico da arte e divulgador da cultura galega, un galego universal na diáspora arxentina, que atopou na cidade da Coruña a súa base inspiradora”. 

Núñez Feijóo aseverou que en cada obra de Seoane había un lugar “onde todos os galegos poden sentir xuntos e experimentar xuntos o mesmo orgullo de compartir veciñanza cun artista cuxa relevancia traspasa todas as fronteiras”.  Engadiu que se Galicia renace como un país unido débese en boa medida a ese nexo comunitario que forman as artes: “Cada pincelada de Seoane, cada palabra escrita, cada ilustración ou proxecto cultural, son fíos que tecen a gran Irmandade galega”.


Pola súa parte, Javier Losada lembrou o proceso polo que se ubicou na Coruña o legado da Fundación Luís Seoane, e adicou un agradecemento especial á dona do artista. Tamén reflexionou acerca de que na súa persoa confluíron as figuras de artista total, renacentista galego e galeguista universal. Ao coincidir con 40 aniversario do pasamento deste artista multidisciplinar, agradeceulle á Academia de Belas Artes este xusto recoñecemento que antes levaron o Mestre Mateo, Castelao, Maruxa Mallo e Alejandro de la Sota.

Reportaxe | As artes renden tributo ao que enriqueceu o mundo coa “nosa diferencia”