Reportaxe | Pallasos en Rebeldía falan en “O valo” das barreiras físicas e mentais

Reportaxe | Pallasos en Rebeldía falan en “O valo” das barreiras físicas e mentais
el ideal gallego-2018-12-01-036-65bb836f

Pallasos en Rebeldía chegan mañá ao centro Ágora dentro dunha última xornada do Festi= (Festival de Artes pola Inclusión Cultural), na que os coruñeses poderán disfrutar de propostas e ser parte delas de balde. Para a cita, a compañía traerá ás 12.30 horas “O Valo”, que fala de xente na procura desa inclusión que se pide na cita, en concreto, persoas que se achegan “ás nosas fronteiras en busca de refuxio”, conta un dos protagonistas, Fran Rei. 

O texto é de Carlos Labraña, un dramaturgo que se subiu ao estrado o ano pasado para recoller o premio de teatro infantil da Agadic “Manuel María”. Cando Pallasos leron o guión, “vímonos na obriga moral política e social de facelo”, porque encaixa perfectamente nese vagar polo mundo da agrupación que trata de levar o humor aos mal chamados campos de “refuxiados”, porque conta o que estivo neles que son de todo menos un acubillo cómodo.  Para os que percorren Europa na procura de sorrisos, “O valo” foi un amor a primeira vista, sinxela de poñer a escena porque por diante de todo, está a misiva e a misiva da obra evidencia o absurdo de “poñer unha barreira en medio do deserto. De marcar un ata aquí é un país e ata aquí, outro; ata aquí hai uns dereitos”. 


En “O valo” son protagonistas un soldadiño de chumbo e unha rapaza chamada Sahara, “que atravesa o deserto despois de que os militares asoballasen o seu país”. Por último está o valo que tamén é personaxe, unha barreira que vai máis alá do físico que imposibilita continuar camiñando para reflexionar sobre outro tipo de obstáculos, “os mentais, que moitas veces son peores, os prexuizos, medos que asustan por descoñecemento”. Na peza falarán moito dese medo para concluír que entre Sahara e soldadiño hai moitas máis cousas que os unen que as que os separa: “Ela cántalle unha nana que aborda as mesmas cousas, a lúa e a cariña da nai, dá igual que se cante en galego ou árabe”.

Pallasos en Rebeldía levan máis dunha década visitando territorios en conflito para facer rir e dar un apoio psicolóxico, e “dicirlles que hai moita xente que non aproba aos gobernos neoliberais”. Conta Fran que visitan os campos para que rían e o pasen ben porque non toda Europa está representada por esas políticas de expulsión, aínda que o artista recoñece que “somos parte da culpa. Estamos acomodados na nosa seguridade e comodidade e co noso voto apoiamos estas políticas”. Fran sinala que as organizacións maioritariamente desenvolven un labor moi asistencial, porque “hai q asegurar hixiene e a saúde desta xente, que o tempo que estean alí que non morran”. 

Así que cando chegan Pallasos en Rebeldía pola entrada causan unha revolución, “a xente sá empeza a rir, e a risa é o camiño máis directo, sobre todo, cando non se comparte idioma”. Engade que a súa situación é dura e moi extrema “veñen dunha guerra e atopan situación igual de complicada. Pódelles a fame e o cansancio” e isto é unha constante nos campos gregos, nos franceses e serbios. 


Por iso, Festi= é necesario. No Ágora, os coruñeses verán pola mañá a Robert Pier creando mantras, verán as pinturas de Urza retratando á angustia e danzarán con Negus pola igualdade para recitar con Sen Ánimo de Nome e pasar pola tarde a mastigar cine con FreakeMacine, debater e asistir ao conto “Unha casa á medida” para acabar con Mercedes Peón en “Déixaas-Tras os Muros”.

Reportaxe | Pallasos en Rebeldía falan en “O valo” das barreiras físicas e mentais

Te puede interesar