Reportaxe | “Si, quero” unha lei que recoñeza a todos por igual

Reportaxe | “Si, quero” unha lei que recoñeza a todos por igual
O acto foi organizado polo BNG a poucos metros da igrexa de San Xurxo | pedro puig

Posaban serias, vestidas de negro no que máis ben parecía un enterro. Iso foi hai 116 anos cando Elisa foi Eliso por un día para confirmar o seu amor, que tiña nome de Marcela e un escenario chamado Dumbría, onde foron vivir por cuestións de traballo. Eran mestras. Onte, a poucos metros da igrexa de San Xurxo onde simularon ser parella heterosexual, Carolina e Isabel Risco dicían estar moito mellor que hai un século en nome daquelas que pasaron á historia como valentes con maiúscula.


O señor cura sorría e repetía unha e outra vez a consagración do sacramento para as cámaras que gravaron un acto simbólico organizado polo BNG como un berro seco do que falta aínda por acadar.
Alí, unha Avia Veira falaba da importancia de facer memoria e lembrar que na Coruña naceron as Irmandades e tamén as cigarreiras, e que aquí departiu o primeiro concelleiro nacionalista. Por esa natureza libertaria non foi casualidade que Marcela e Elisa casaran nunha península que se mete no mar precisamente buscando iso, a fin das ataduras, explicou a portavoz municipal.


E se Isabel aseguraba que faltaban ferramentas para desbrozar o camiño e definía a Marcela e Elisa como “dúas mulleres decididas e bravas”, a parlamentaria Olalla Rodil pedía unha reforma da lexislación de 2014 para que se inclúa unha lei para as persoas transexuais. Daquel primeiro casamento lésbico do estado a hoxe, a representante sinalou que queda moito para conseguir unha sociedade xusta e equitativa. Desde o Bloque, esixen medidas urxentes que fagan avanzar e corten as ás aos que protagonizan actos homófobos. Por iso, presentarán un proxecto de lei redactado polo Lgtbi para que se recoñezan os dereitos dos transexuais, sobre todo, nos nenos pequenos, que son máis vulnerables: “Ser transexual non significa ser un enfermo e a lexislación debe recoñecelo”, incorporando sancións para os agresores e levando esta conciencia as áreas educativa e sanitaria.


O obxectivo pasa por formar en materia sexual á xente para acabar coa discriminación. Rodil tamén solicitou a recuperación dos centros “Quérote”, que informaban na materia e que o goberno debe estar á altura das necesidades dun conxunto poboacional que pide ser libre.
Á voda tamén acudiu Neil Baxter, responsable da Comisión Lgtbi, que mencionou ataques homófobos como o ocorrido hai doce anos en Vigo ou o artigo publicado hai pouco pola asociación de empresarios de Sada: “La homosexualidad es pecado”. Por todo iso, aínda son necesarias reividincacións coma a de onte.

Reportaxe | “Si, quero” unha lei que recoñeza a todos por igual

Te puede interesar