Un alegato contra a barbarie

Un alegato contra a barbarie

Un texto sobre as relacións humanas. Iso é o que presenta Teatro do Noroeste hoxe e mañá no Rosalía, ás oito e media da tarde, e o domingo, ás sete. Para poñer no escenario a dous seres que son máis ca un número. Figuran no corazón de alguén ademais de formaren parte das estatísticas que os gobernos manipulan e que van en sintonía a outra palabra que se cansan de pronunciar. A de mercados.

Neste aspecto, un dos protagonistas da peza “Último cowboy”, Miguel Pernas, sinalaba na presentación que “mercado” para el era o de San Agustín e o de Elviña porque alí existe comunicación e homes e mulleres amosan a súa tristura o luns cando o Deportivo perde. O outro mercado é para o actor parte da barbarie contra a que o teatro loita. Neste caso cunha historia de amor e amizade que está por enriba das clases sociais.

Miguel Pernas fai parella con Luma Gómez, que será a coidadora dun ex banqueiro despois de que os seus fillos vexan preciso a axuda dun profesional para o día a día do vello. Así é como a historia arranca para pasar da indiferenza do home á conexión de ambos a pesar de que os dous pertencen a mundos culturais totalmente diferentes porque, en definitiva, se trata de diseccionar ao ser humano que é para Pernas un diamante tallado con distintas caras, que son as facetas boas e malas de cada un.

Cando estas facetas se van colocando, xorde a comunicación e a sinerxia. O intérprete destacaba o papel que ten o teatro por reivindicar cousas no momento no que o mundo está abocado á demolición e a Xunta está a facer un labor “contra a cultura e o idioma”, segundo Pernas.

Pola súa parte, a veterana Luma Gómez falaba do gran esforzo que fixeron desde Teatro do Noroeste por sacar adiante “Último cowboy” e destacaba o feito que a peza ventila os pensamentos que teñen que ver cos sentimentos e as sensacións e non coa política. Con respecto aos protagonistas, Luma definíaos de “bombóns”, que son difíciles de interpretar pero que unha vez metidos no papel non dan máis que satisfaccións. A actriz sinalaba que moita desta maxia estaba na química que tiña con Miguel Pernas desde hai tempo. Unha circunstancia que espera se note no patio de butacas.

Ademais, Eduardo Alonso, comentaba que a obra arrecende a Atlántico. Por iso, sorprendeu cando foron a Cataluña e os espectadores entenderon que hai outra forma de ser e de pensar distinta á mediterránea. Pero esta circunstancia non pon límites, é máis, engadía Pernas, cando a relación humana está ben trazada, “universalízase”.

Deste xeito, o vínculo que se establece entre o xubilado e a súa coidadora dá paso a unha análise do panorama actual. Das diferenzas entre as dúas Europas, a Vella e a do Este, e sobre a necesidade de aliarse fronte a Estados Unidos. O guión verte píldoras acerca de fenómenos sociais como a emigración. Atrae a mozos polo carácter rebelde dos protagonistas pero tamén aos maiores por iso de que aborda a súa situación e interesa. Abofé que si.

Fala tamén das relacións familiares. Nun ton cómico pero con toque ácido. Segundo o director do Rosalía, Paulo Rodríguez, “Último cowboy” divirte pero tamén fai pensar durante preto de dúas horas que suporán entre seis e trece euros para as carteiras. A cambio, un dous por un de entretemento e reflexión.

Un alegato contra a barbarie

Te puede interesar